Protección Civil conta cun novo remolque cun amplo equipamento para emerxencias

11

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil conta desde hoxe cun remolque para atención de emerxencias e operativos equipado con eletro-bomba somerxible, motobomba para augas residuais, xerador de electricidade portátil de gasolina, motoserra, rozadora manual, torre de iluminación e kit de balizamento e sinalización. A adquisición deste novo remolque realizouna o Concello en virtude dun convenio de colaboración coa Xunta de Galiza, polo que a institución autonómica se fixo cargo do seu custe, que ascendeu a 17.000 euros. Ata a sede de Protección Civil achegáronse esta mañá a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, e o delegado territorial da Xunta, Xosé Manuel Cores Tourís, para visitar as instalacións da agrupación e facer entrega do remolque. 

“Para o Concello é importante este tipo de colaboracións porque o noso maior interese é conseguir equipamentos axeitados, igual que unhas instalacións dignas, para a agrupación de voluntarios” asegurou Eva Vilaverde, ao tempo que fixo fincapé en que “estamos moi contentos do labor que realizan e da axuda que prestan a toda a veciñanza e participando en operativos cunha engrarnxe e unha coordinación perfecta cos servizos de emerxencias e da policía local”. Como exemplo, a concelleira citou o traballo realizado en situacións de temporal e, máis concretamente, nas inundacións da fin da semana e lembrou que “onte mesmo aprobamos na Xunta de Goberno mandar os nosos parabéns aos servizos de emerxencias, incluído Protección Civil, polos operativos da fin de semana”.

Ademais, Vilaverde destacou o traballo realizado ao longo de todo o ano engadindo que “o Concello de Pontevedra ten moitísima actividade, tanto nas parroquias como na propia cidade, porque se vive moito na rúa, ten moitísima actividade nas prazas e ao aire libre, con eventos culturais e eventos deportivos de moito calado que precisan dunha organización grande e ter operativos moi complexos, nos que participan Protección Civil de Pontevedra”. Por último, lembrou que a agrupación de Pontevedra ten máis de 900 voluntarios e que no que vai de ano, ata o mes de novembro, participaron en 115 operativos.

Pola súa banda, Xosé Manuel Cores Tourís destacou a importancia de todas as agrupacións  da provincia, sobre todo en situacións como as que se están vivindo tras o temporal da fin de semana, e quixo aproveitar para “agradecerlle que dediquen o seu tempo a colaborar cos veciños, porque cando os necesitamos é cando realmente nos damos conta da importancia e do valor que teñen”. Mentres que o presidentre da Agrupación de Voluntarios, Hermenegildo Novoa agradeceu a colaboración institucional para acadar este novo equipamento que, segundo explicou, facilitará as saídas ás emerxencias ao posibilitar o traslado de todo o material preciso nun só vehículo e que ademais está especialmente deseñado para iso.