Pontevedra converterase en sede do VII Congreso de Centros de Estudos Olímpicos na primavera de 2020

18
  • O evento coincide co centenario, en abril do vindeiro ano, dos Xogos Olímpicos de Amberes e da participación nos mesmos do primeiro olímpico galego, o futbolista pontevedrés Luis Otero

Pontevedra converterase o vindeiro ano en sede do VII Congreso de Centros de Estudos Olímpicos, onde estarán representadas as 30 entidades existentes en España para a defensa dos principios olímpicos: a non discriminación, a procura da paz e a mellora psicofísica do ser humano a través do deporte, entre outros. O evento  ten un carácter conmemorativo, ao coincidir co centenario da celebración dos Xogos Olímpicos de Amberes e da participación nos mesmos do primeiro deportista olímpico galego, o futbolista pontevedrés Luis Otero.

A proposta de Pontevedra como sede deste Congreso foi plantexada nun encontro que o presidente e fundador da Academia Olímpica Española, Conrado Durántez, mantivo esta mañá co tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e a edil de Promoción Económica, a tamén socialista Yoya Blanco. Tal e como constatou Durántez, en abril de 2020 “cúmprense 100 anos do Xogos Olímpicos de Amberes, nos que España protagonizou o fito histórico e glorioso de gañar a medalla de prata en fútbol”. “Luis Otero, primeiro deportista olímpico na historia de Galicia, participou naquela efeméride”, apuntou.

Coa finalidade de poñer en valor esta xesta histórica “dun pontevedrés que foi un pioneiro medallista”, o presidente da Academia Olímpica Española tamén lle propuxo a Tino Fernández a instalación dun busto de Pierre de Coubertin, fundador dos Xogos Olímpicos modernos (así como do Pentatlón moderno) e segundo presidente do Comité Olímpico Internacional. Segundo avanzou, o busto realizaríase en pedra (granito), o que o convertería nunha peza “única no mundo”, xa que case todos están elaborados en bronce.

O programa de actividades deseñado pola Academia Olímpica Española completaríase con accións de difusión e charlas en centros educativos da cidade, que estarían protagonizadas por atletas destacados como a saltadora Ruth Beitia. “Pontevedra é unha cidade marabillosa -suliñou Conrado Durántez- e queremos que se vexa que tamén o é no eido deportivo. No marco de todas estas conmemoracións, queremos celebrar aquí a reunión da Academia Olímpica Española”.

Tino Fernández: “É unha oportunidade única para Pontevedra”

O tenente de alcalde amosouse “encantado” da proposta realizada por Durántez, “xa que é un proxecto moi interesante, entramos en Ano Olímpico e Pontevedra é unha cidade volcada co deporte, organizadora de eventos deportivos de alto nivel e que ten vontade de volcarse tamén co olimpismo”. En opinión de Tino Fernández, trátase dunha “oportunidade única para Pontevedra de impulsar eses valores que se defenden dende o mundo olímpico”, polo que “sen moito máis trámite, imos optar por colaborar para que tanto o congreso como as demais actividades complementarias se celebren en Pontevedra”.

“O olimpismo estará tamén na rúa, nos colexios e alí onde o poidamos levar. Estamos encantados e a disposición para colaborar en todo aquilo que nos pidan”, asegurou o edil do PSOE.