As rúas Luis Otero e Leonardo Enríquez permanecerán pechadas mentres non se asegure a cuberta de Pasarón

6
  • O Concello xa iniciou o procedemento de contratación por emerxencia para realizar os traballos de estabilización e reposición, que se acometerán en canto a climatoloxía o permita
  • A maioría das incidencias foron asolagamentos puntuais que quedaron solucionados coa intervención dos bombeiros e da empresa concesionaria do servizo de augas 

Unha das principais incidencias da borrasca ‘Elsa’ en Pontevedra foi o desprendemento de parte da cuberta do estadio de Pasarón por mor do vento. Esta incidencia provou o peche das rúas Luis Otero e Leonardo Enríquez mentres non se proceda á reparación e reposición das pranchas desprendidas da cuberta. Esta medida foi tomada, segundo explicou a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde “para garantir a seguridade das persoas”. 

A concelleira informou que a Policía Local procedeu a sinalizar e cortar as dúas rúas ao tráfico. No caso da rúa Leonardo Enríquez permitirase o acceso só ata a altura da capela, e no caso da rúa Luis Otero permitirase só o acceso a garaxes en ambos sentidos de circulación. Tamén explicou que os Bombeiros procederon a retirar as pranchas caídas na rúa e as que permanecían na cuberta pero que estaban deterioradas e con risco de desprenderse ao longo do día o en días vindeiros. Vilaverde indicou que os danos están sendo valorados polos servizos técnicos municipais e que o Concello xa iniciou o procedemento de contratación por emerxencia para realizar os traballos de estabilización e reposición necesarios, que se acometerán en canto a climatoloxía o permita.

Eva Vilaverde tamén fixo un repaso por todas as incidencias nas que participou a Policía Local ao longo da tarde de onte e durante a noite, explicando que “a maioría foron anegamentos puntuais en diferentes rúas que se foron solucionando cos bombeiros e coa empresa concesionaria do servizo de auga”. Entre os asolagamentos máis salientables, mencionou o que se produciu nas rúas Fernando Olmedo e Casimiro Gómez sobre as 23h e que quedou solucionado tras a intervención dos bombeiros.

Tamén mencionou asolagamentos nas rúas Rodríguez Seoane, na rúa dos Campos, na de Santa Margarida, Serra, Gorgullón, en Loureiro Crespo na rotonda con San Mauro, en Juan Carlos I á altura do Conservatorio, na avenida de Compostela á altura do pavillón, e na rúa dos Nodais. Ademais en Lourizán produciuse un asolagamento importante na zona do Santo e na zona do Regueiriño. Tamén se actuou pola caída dunha árbore en Salcedo, pola caída dun arco de alumenado en Estribela e para retirar unha prancha de publicidade na avenida de Compostela. Todas incidencias, segundo explicou Eva Vilaverde “acordes co nivel de alerta que tiñamos”