O CB Arxil colaborará coa Redeaxuda ofrecendo entrada de balde a cambio dun kilo de comida no seu partido de LF2 deste sábado contra a AD Cortegada

18
  • O clube celebrará unha xornada de convivencia solidaria no Pavillón Universitario e o CGTD que incluirá concursos, baile e xogos, así como ‘partidillos’ entre as xogadoras da canteira e as familias

O partido de LF2 que este sábado 21 de decembro enfrontará no CGTD ao CB Arxil e a AD Cortegada a partires das 19.30 horas terá un carácter solidario. O clube de baloncesto pontevedrés colaborará coas entidades da Redeaxuda ofrecendo entrada de balde ao encontro a cambio dun kilo de comida.

Os concelleiros de Deportes e de Benestar Social, os socialistas Tino Fernández e Paloma Castro, explican que os alimentos que se recollerán “son os que máis se precisan nestas datas: leite, aceite, conservas, cacao e café”. “Poderán depositarse nun punto do hall do pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva -sinala Paloma Castro-, antes de acceder ao graderío. A entrega da comida recabada á Redeaxuda realizarase o luns pola mañá”.

Tanto o Concello de Pontevedra como o CB Arxil solicitan a colaboración de tódolos afeccionados locais e visitantes, xa que a solidariedade non entende de cor de equipación nin de rivalidade. O partido coa AD Cortegada será o colofón dunha xornada solidaria de convivencia do clube, que dará comezo pola mañá e que incluirá concursos, baile e xogos, ademais de ‘partidillos’ entre as xogadoras da canteira e as familias.

Así, entre as 10:00 e as 13:30 horas celebraranse no Pavillón Universitario concursos de habilidade, tiro e partidos das baloncestistas da equipa, desenvolvéndose posteriormente un almorzo de tódalas participantes nas mesmas instalacións deportivas.

Xa pola tarde, entre as 16:00 e as 18:30 horas, terán lugar tanto no Pavillón como no CGTD diversos encontros das familias coas xogadoras, como aperitivo do partido solidario entre o CB Arxil e a AD Cortegada no Centro de Tecnificación ás 19.30 horas.

Cartel da xornada de convivencia solidaria do sábado.