O Concello clarifica os criterios para usos hoteleiros nos inmobles no casco histórico

100
  • A través da Comisión de Seguimento do PEPRICA clarifica os criterios para admitir o cambio do uso residencial a hoteleiro, no que se refire a edificios completos
  • Os servizos municipais de Urbanismo consideran que os usos hoteleiros son compatibles cos residenciais e poderían contribuír a rematar coa pequena bolsa de edificios desocupados do casco histórico

A Comisión de Seguimento do PEPRICA (Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación Artística do Conxunto Histórico-Artístico) someterá a ditame a proposta elaborada desde os servizos de Urbanismo para clarificar os criterios sobre os usos non residenciais en edificios exclusivos do casco histórico, isto é, para inmobles completos. En esencia, a proposta recolle que se autorice con caracter xeral o uso exclusivo de hotel, hostal ou semellantes -entre os que cita os albergues e as vivendas de uso turístico-, e os usos terciarios de servizo ao público en aloxamento temporal. 

Deste xeito, solvéntase unha certa contradición que existía ente dous artigos do PEPRICA no referente aos usos de edificios completos, e permitiríase a concesión para os usos hoteleiros por ententeder que son perfectamente compatibles cos usos residenciais no marco do casco histórico. No informe-proposta recóllese que, segundo os datos recabados polo servizo de Urbanismo, desde o ano 2015 só constan 9 solicitudes de títulos habilitantes con destino a albergue turístico ou apartamento turístico e non todas co carácter de uso exclusivo. Polo tanto, desde o servizo indican que non se aprecian, a día de hoxe, elementos ou datos que anuncien procesos nin de xentrificación nin de tercerización no centro histórico. 

Doutra banda, desde a Concellaría de Urbanismo tamén se apunta que esta concesión deste tipo de licencias de usos non residenciais axudaría a rematar coa pequena bolsa que aínda queda de vivendas desocupadas e algunhas en mal estado -por mor de múltiples cuestións, como a fragmentación ou abandono da propiedade-. Así, as solicitudes de rehabilitación deses inmobles para cambiar os usos a albergue, apartamento turístico ou semellantes, expresamente autorizados no PEPRICA, permitiría a recuperación do patrimonio edificado no conxunto histórico artístico, por mor da compoñente lucrativa e polo tanto financiadora, que leva aparellada. 

Incremento persoas residentes e compatibilidade de usos

O centro histórico de Pontevedra -segundo datos do 2011 da Memoria Programa do ARICH- conta con 557 edificios residenciais, 1462 vivendas (ocupadas 1.067 73% e baleiras 395 27%), nas que residían 2.098 persoas (2,5 %). 

Segundo os datos facilitados polo Padrón Municipal de Habitantes, a día de hoxe o número de persoas residente incrementouse a 2.166, que poden ser máis se se inclúe a poboación flotante, como por exemplo, os estudantes universitarios que residen en réxime de alugueiro sen estaren empadroados. 

Este incremento de persoas residentes no casco histórico é considerado no informe de Urbanismo como un éxito da regulación de usos non residenciais coa que nacera o PEPRICA no seu momento -fora aprobado en sesión plenaria de 27/02/2003-, no que se pretendía evitar a avalancha de locais de copas con actividade musical e controlar a súa proliferación. Por iso nun inicio a concesión de licencias para usos non residenciais con carácter excepcional e con supervisión da Comisión de Seguimento pretencía facer fronte ao aluvión de solicitudes de licencias para locais de ocio, sobre todo de copas con actividade musical – pubs, discotecas, cafés concerto -, mesmo en plantas altas. Daquela, segundo se argumenta no informe, era preciso evitar a tercerización do centro histórico para que non se convertese nun parque temático de ocio nocturno con moitas vivendas desocupadas.

O uso terciario de servizo público de aloxamento temporal complementaría outros usos terciarios que xa existen na zona histórica, como as residencias para persoas maiores ou usos administrativos e eclesiásticos, que constitúen usos compatibles co residencial, que se manterá sempre como prioritario. En todo caso, os cambios de usos residenciais a hoteleiros serán supervisados e autorizados pola Comisión de Seguimento do PEPRICA, que ademais fará un seguimento do número de solicitudes que, no caso de que fosen excesivas e o seu número puidese deteriorar a calidade do uso residencial no casco histórico, proporía ao órgano competente a suspensión de licenzas.