Comeza a tramitación administrativa da Ordenanza de espazos públicos e mobilidade amábel de Pontevedra

70
  • Existe xa un borrador que está en mans dos distintos servizos que deberán emitir informes.
  • Define por onde poden que andar bicicletas e vehículos de mobilidade persoal ou a condición das pistas do rural que todas serán de preferencia peonil.

O Concello de Pontevedra xa dispón do borrador da nova Ordenanza reguladora da utilización dos espazos públicos e mobilidade amábel, unha vez rematado o período de suxestións aberto en 2019, e incorporadas as aclaracións realizadas pola Dirección Xeral de Tráfico en relación aos vehículos de mobilidade persoal, ditada o pasado 4 de decembro.

Na actualidade o borrador da Ordenanza está a informes en distintos departamentos do Concello (Asesoría xurídica, Policía, Enxeñería) e tamén se van pedir referencias á delegación local da DXT.

César Mosquera, concelleiro responsable da Mobilidade xeral do Concello, explicou esta mañá que o propósito desta ordenanza é “regular os aspectos que non están recollidos en normas de rango superior, ou aspectos que precisan máis detalle”. Neste marco, o borrador de Ordenanza céntrase en dúas premisas: concretar o que é prioridade peonil e a regulación dos redutores de velocidade baixo unha ordenanza (trasladando a instrución aprobada no pleno municipal do pasado mes de febreiro).

Entre os elementos que recolle a nova ordenanza atópanse:

  • A sanción das conducións neglixentes ao fronte de calquera vehículo: sorteando peóns, pasar pegados ás portas, empregando as bucinas…
  • As bicicletas e os vehículos de mobilidade peonil teñen prohibida a circulación por zonas peonís (beirarrúas, paseos, sendas…), e nos espazos de preferencia peonil acéptase a súa circulación pero asimílanse a un vehículo normal polo que non poderán sortear peóns, nin empregar timbres…
  • En todos os espazos con velocidade 30km/h ou menos, as bicicletas e vehículos de mobilidade persoal deberán circular pola calzada.
  • As pistas do rural pasan todas a ter consideración de preferencia peonil.
  • Os vehículos só poderán circular polos espazos debidamente preparados para eles, é dicir, non poderán empregar as beirarrúas.
  • Os menores de 12 anos poderán circular con bicicletas polas beirarrúas sempre que o fagan a unha velocidade inferior aos 6km/h.

César Mosquera destacou que o obxectivo desta ordenanza é “reforzar o carácter peonil de toda a cidade”.