Amplíase até o 7 de xaneiro o prazo para presentar candidaturas aos Cidade de Pontevedra

18
  • Polo de agora presentáronse as candidaturas de José Portela Leirós na categoría de persoa física, e de Amigos de Galicia e Esdemga, na de persoas xurídicas.

O Concello de Pontevedra amplía até o 7 de xaneiro ás doce da noite o prazo para presentar candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra. Ao coincidir o día 5 en domingo e ao ser festivo o día 6, está prevista a posibilidade de ampliar o prazo até o primeiro día hábil, neste caso, o día 7.

Até o de agora están presentadas as candidaturas de José Portela Leirós por parte do Colexio de Procuradores de Pontevedra na categoría de persoa física, e á Fundación Amigos de Galicia proposta pola Fundación Banco médico farmacéutico de Galicia, e Esdemga por parte do Ateneo de Pontevedra, na categoría de persoa xurídica.

As persoas, asociacións, entidades ou colectivos interesados poderán presentar as súas propostas no Rexistro do Concello e as propostas deberán levar unha memoria xustificativa que explique os méritos do designado. 

Os Cidade de Pontevedra teñen dúas modalidades, persoa física e persoa xurídica. O xurado valorará o labor desenvolvido polos candidatos, sobre todo, no último ano e a proxección de Pontevedra e os pontevedreses/as derivada delo. 

Os galardóns serán entregados nun pleno extraordinario de honra que se desenvolverá o 20 de xaneiro, día de San Sebastián patrón da Boa Vila. 

Bases do premio “Cidade de Pontevedra” 

Os Premios Cidade de Pontevedra teñen como finalidade galardoar o relevante labor desenvolto na modalidade individual por unha persoa física e, na modalidade colectiva, por persoas xurídicas (asociacións, entidades ou colectivos de caracter cultural, social xuvenil, empresarial, etc..). O xurado terá en conta e valorará especialmente o labor desenvolto no ano que corresponda. 

Dos galardoados:
Concederanse os seguintes premios: 

A unha persoa física vencellada, dalgún xeito, ao municipio de Pontevedra e os seus habitantes. 

A unha persoa xurídica, asociación, entidade ou colectivo que teña desenvolto un labor de especial proxección cara Pontevedra e os seus habitantes. 

Para cada unha das modalidades comprendidas nos apartados A) e B), outorgarase un único premio, que consistirá nun Teucro de prata e un diploma. 

Da proposta de candidatos: 

O Concello de Pontevedra fará pública unha convocatoria para a presentación de propostas nas que se sinalará o prazo, dándoselle a oportuna publicidade para o coñecemento de tódolos cidadáns. 

Dito prazo de presentación de candidaturas comezará o día 5 de decembro do ano en curso, e rematará o día 5 de xaneiro do ano seguinte. 

Os candidatos, a ámbalas dúas modalidades, poderán ser propostos por calquera asociación, institución, entidade ou colectivo do municipio de Pontevedra; sen que poida ningunha delas propoñerse a ela mesma. Ditas propostas serán presentadas no Rexistro do Concello. Nelas sinalaranse tódolos datos posibles do candidato ou candidatos propostos. Deberase adxuntar, asimesmo, unha memoria xustificativa que saliente a traxectoria persoal e profesional de cada un dos candidatos propostos. 

As persoas físicas ou xurídicas propostas deberán sempre ter coñecemento da súa candidatura. 

Do xurado: 

3.1. Do Presidente do xurado: a presidencia a ocupará o Ilmo. Sr. Alcalde, co seu voto de calidade, quen a poderá delegar no Presidente da Comisión Municipal Informativa da área correspondente. Actuará como secretario o titular da corporación ou o funcionario en quen este delegue. 

3.2. Dos Vocais: o xurado estará composto polos membros da Comisión Informativa da área correspondente, incluído o presidente da mesma. Representarán, de xeito proporcional, aos distintos grupos municipais; asimesmo, formarán parte do xurado cualificador dos Premios Cidade de Pontevedra, un representante elixido entre as asociacións veciñais, outro entre as culturais e un terceiro entre os medios de información con representatividade no municipio. Ditos representantes poderán selo por un só período, aínda que poderán ser ratificados ou reelixidos. 

Da elección dos candidatos: 

Unha vez rematado o prazo de presentación de propostas, o xurado fixará a primeira das súas reunións, ao longo da semana seguinte á da finalización do prazo de presentación de candidaturas, co fin de analizar as propostas existentes. Procederase ao estudo, polo miúdo, da biografía e do currículo de cada un dos candidatos propostos. 

Tódolos membros do xurado tratarán de consensuar, de maneira unánime o outorgamento dos premios; de non ser así, deberá chegarse á obtención dunha maioría cualificada de dous tercios. 

Se o xurado, na primeira reunión, non chegase a unanimidade ou a unha maioría cualificada de dous tercios, poderán propor outros candidatos nunha segunda sesión, sempre que sexa por unanimidade, tanto a proposta como a elección. 

Asimesmo, poderase deixar deserto o premio. 

Unha vez realizada a votación, e elexidos os premiados, o xurado gardará segredo sobre as deliberacións da sesión. 

Da entrega de premios: 

Unha vez que o xurado acorde os premios, a corporación municipal, en sesión plenaria, prestará aprobación aos mesmos; esta decisión será inapelable. 

A corporación comunicaralles aos galardoados a concesión dos premios. 

Os premios serán entregados na sesión extraordinaria de honras que, para tal efecto, ten lugar tradicionalmente o día 20 de xaneiro, festividade de San Sebastián. 

Disposición Final: 

En todo aquilo que non se prevexa nas presentes bases, facúltase ao xurado cualificador para a súa interpretación e resolución. 

O feito de presentar propostas aos Premios Cidade de Pontevedra supón a total aceptación das presentes bases.