Contratación de emerxencia para resolver os problemas da iluminación pública no rural e na zona urbana

82
  • Os temporais do mes de decembro causaron diversos problemas no alumeado público, especialmente, no ámbito rural onde xa se atenderon de urxencia os principais problemas.

O Concello de Pontevedra vén de aprobar unha contratación de emerxencia para atender ás averías na rede de iluminación pública do rural pero tamén da zona urbana rexistradas a consecuencia dos temporais do pasado mes de decembro. 

Este contrato de emerxencia que executará a empresa Setga por 90.142 euros porase en marcha con carácter inmediato e tratará de atender todos aqueles problemas que se rexistraron na rede eléctrica no último mes, ben roturas de postos, roturas de luminarias, de báculos…

Nun primeiro momento os servizos técnicos municipais atenderon coa brigada de electricidade as numerosas incidencias que se foron rexistrando durante aquelas semanas. A atención foi de cara aos problemas máis importantes, que quedaron parcialmente resoltos ou provisionalmente resoltos.

Con este contrato preténdese atender os arranxos provisionais ou os problemas de iluminación que quedaron pendentes.

O concelleiro do rural, Alberto Oubiña, pediu desculpas aos veciños polas incomodidades que puideran xurdir, así como comprensión e paciencia durante estes días.

Alberto Oubiña asegurou que os Servizos municipais teñen constancia de problemas en Ponte Sampaio, Canicouva, Marcón, Mourente (Areás), Tomeza, Verducido, Salcedo… pero tamén en distintos barrios da cidade.