- O Concello aposta por mellorar as conexións a pé con Valadares, Sabarís, Pintos e mellorar toda a contorna da Casa parroquial, espazo de encontro dos veciños e veciñas de Marcón.
O Concello de Pontevedra porá en marcha o acondicionamento dun novo núcleo de centralidade no rural. Neste caso será na parroquia de Marcón, que ten unha poboación superior aos 2.000 habitantes e unha superficie de 9,16km2.
Segundo explicou esta mañá o concelleiro delegado da parroquia, Alberto Oubiña, o núcleo de centralidade parroquial de Marcón está claro: na contorna da Casa parroquial, onde se atopan os distintos campos da festa.
Logo de ter consultado co Consello parroquial de Marcón, que se reuniu o pasado luns, e distintos veciños e veciñas da parroquia, está previsto contratar un proxecto amplo no que se inclúa:
- Repavimentación da contorna do campo da festa
- Canalización das pluviais no ámbito da Casa parroquial, que permita facer unha senda en superficie que permita conectar a igrexa a través do paso de peóns.
- Mellorar a conexión con Valadares e o Carrasco a través dunha vía municipal na actualidade moi estreita e case sen circulación de vehículos, polo que está prevista que sexa só de preferencia peonil e con acceso aos vehículos agrícolas que atenden as fincas.
- Executar un sendeiro de conexión con Sabarís e Pintos.
- Facer un tratamento máis duro no campo da festa (na parte municipal).
- Solicitar á Deputación provincial que execute unha zona de coexistencia na entrada da estrada que une Marcón co polígono do Campiño.
- Solicitar á Xunta a mellora do estacionamento de acceso á casa parroquial, na actualidade en bastante mal estado.
O propósito desta actuación é traballar para que os veciños se poidan achegar a pe a este núcleo de centralidade parroquial e tratar de crear un espazo de alta calidade urbana.
A Concellaría do rural contratará nos vindeiros meses o proxecto de execución para que se poida realizar neste ano 2020.
Consello parroquial de Marcón. Consello parroquial de Marcón. Consello parroquial de Marcón.