Medio Natural adquirirá unhas 200 árbores de ribeira para iniciar a repoboación da senda fluvial do Lérez

108
  • O subministro contratado á firma Cormo Integral irá destinado a repoboar un treito duns 150 metros nos que, durante o pasado mes de outubro, se levou a cabo unha tala de eucaliptos
  • O proxecto de mellora ecolóxica impulsado polo concelleiro socialista Iván Puentes contempla a plantación de especies como carballos, freixos, laureis, abeleiras e algúns cereixos

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, acaba de dar luz verde á proposta para contratar a adquisición de árbores de ribeira destinados a comezar a revexetación das marxes fluviais da senda do Lérez. Deste xeito, o edil do PSOE pretende poñer en marcha a segunda fase do proxecto de mellora ecolóxica iniciado o pasado mes de outubro coa tala de eucaliptos e doutras especies invasoras e perigosas nun treito duns 150 metros próximo á praia fluvial.

O subministro, contratado á empresa de inserción laboral Cormo Integral SLU, traducirase na adquisición dunhas 200 árbores e arbustos de especies frondosas destinados á repoboación desta área, lindante coa estrada de acceso ao barrio de Monte Porreiro. “Os eucaliptos e invasoras -explica Iván Puentes- serán substituídos por carballos, principalmente, pero tamén por freixos, nas zonas baixas, laureis, abeleiras e mesmo algúns cereixos”.

Á marxe da mínima presencia de exemplares autóctonos, estre treito entre a ponte do ferrocarril e o inicio da senda do Lérez atopábase invadido por especies alóctonas, esencialmente acacias (mimosas e acacias negras), robineas e eucaliptos de gran tamaño. Esta situación tradúcese na inexistencia dun sotobosque e dunha composición floral axeitada para un ecosistema de ribeira, máxime cando se trata dun Lugar de Intereses Comunitario (LIC).

No mes de outubro executouse a tala dunha trintena de eucaliptos, robineas e acacias, cuxas pólas foron trituradas para o seu emprego como estruturante nos centros de compostaxe municipais, pechando así o ciclo ecolóxico dos materiais.

Mellora da biodiversidade, tamén no talude e O Mirador

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural tamén está a realizar traballos orientados á eliminación de especies invasoras e á mellora da biodiversidade ao outro lado da estrada de acceso a Monte Porreiro, no talude existente entre a ponte do ferrocarril e a rotonda de entrada á urbanización. O proxecto, que comezou a executarse no mes de novembro, está a supoñer o acondicionamento de todo o talude e da contorna do Mirador, coa eliminación de especies invasoras como acacias e mimosas, así como dalgún brote de eucalipto. 

Ao igual que se fará na senda do Lérez, este plan terá continuidade coa plantación de árbores autóctonas e de variedades arbustivas máis acordes coa calidade ambiental de todo este espazo natural privilexiado que temos no acceso á urbanización pontevedresa. Ademais de efectua-lo axardinamento e tapizado do talude, a Concellería de Desenvolvemento Sostible tamén prevé levar a cabo a restauración dunha pasarela de madeira duns 50 metros que conecta a avenida de Bos Aires coa rúa Holanda.