O programa de lecer Ponte Xogos recibiu máis de 29.500 visitas, 23.000 delas no iglú e 6.500 na tirolina

12
  • As actividades de Nadal programadas pola Concellería de Promoción Económica no Mercado de Abastos tiveron unha media de 15 persoas por evento, destacando a asistencia ás catas

O programa de lecer infantil Ponte Xogos 2019-2020, impulsado pola concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, e desenvolvido entre os días 20 de decembro e 3 de xaneiro, recibiu máis de 29.500 visitas, repartidas entre a carpa iglú de 450 metros cadrados ubicada na Praza de España (23.000 participantes), a tirolina ártica de 150 metros instalada na Alameda (6.500) e as actividades nos barrios da Pontevedra Leste, O Burgo e Monte Porreiro (uns 100). 

Estes datos supoñen unha media de asistencia diaria de 1.900 nen@s por día no iglú, sendo as xornadas con maior afluencia o 24 e o 28 de decembro (con máis de 2.500 rapaces diarios), e de 550 nen@s por día na tirolina, con exactamente as mesmas datas como xornadas de maior asistencia (660 rapaces diarios). No que atinxe aos barrios, o obradoiro de elaboración de galletas de Nadal máis concurrido foi o celebrado no centro social do Burgo (50 nenas e nenos), mentres que os do centro Leste e o aparcadoiro da rúa Portugal, en Monte Porreiro, contaron con 20 e 30 pequen@s respectivamente.

As actividades máis demandas de Ponte Xogos foron o Gran Iceberg, un tobogán xigante inchable de cinco metros de altura para usuarios de entre 4 e 12 anos, a Pesca Inuit (entre 3 e 12 anos) e a Mini Laguna de bolas (0 a 3 anos). A visita de Papá Noel marcou un pico de participación, coa asistencia de case 700 nenas e nenos. Non obstante, a tirolina ártica foi a actividade que maior afluencia de público tivo, rexistrando sempre colas en horario de apertura.

Tamén destacable foi a asistencia ás actividades de lecer programadas por Yoya Blanco no Mercado de Abastos, que rexistraron unha media de 15 persoas por cada evento, se ben se percibiu un claro ascenso de asistencia ás catas, chegando ao punto máis álxido durante a cata de viños. En concreto, as charlas e obradoiros rondarían de media cifras de entre 6 e 10 participantes, mentres que as catas contaron con entre 15 e 25 asistentes.

Pola súa banda, os talleres infantís recibiron a entre 10 e 15 nenos ao día, se ben estas cifras aumentaban nas datas festivas e fins de semana e caían en días lectivos. 

A concelleira de Promoción Económica asegura que, “pese ao temporal de vento e choiva dos primeiros días (que obrigou a modificar os horarios previstos nas xornadas iniciais) atópase “sumamente satisfeita pola repercusión e boa acollida que tiveron as actividades de lecer infantil organizadas durante o Nadal, tanto no que se refire á carpa da Praza de España e á tirolina da Alameda como aos obradoiros celebrados nos barrios da cidade”. 

“A realidade é que houbo un overbooking. Na tirolina xa había colas incluso antes de que se abrise ao público a actividade -suliña a edil do PSOE- e o iglú xigante estivo abarrotado de nenas e nenos tódolos días, tamén con colas no seu acceso e con mensaxes de ledicia por parte dos rapaces e dos seus familiares”.

Unhas 250 pequenas e pequenos pasaron pola Oliva

Segundo constata, “o mesmo aconteceu cos talleres e actividades do programa Nadal na Oliva”, polo que a socialista chegou a recibir “chamadas de agradecemento das nais e pais” e que contou coa asistencia dunhas 250 pequenas e pequenos. Blanco lembra que a principal novidade deste ano consistiu “na experiencia piloto de levar Ponte Xogos aos barrios con máis poboación infantil, a través dun obradoiro de elaboración de galletas de Nadal que contou con moita xente que o desfrutou”.

Un éxito que, ao seu xeito de entender, anima á Concellería de Promoción Económica “non só a repeti-la iniciativa, senón tamén a darlle unha volta, aumenta-la oferta con máis obradoiros nos barrios e, por que non, levar o programa ás parroquias”. Asemade, Yoya Blanco suliña “a boísima acollida” que tivo o Mercado de Nadal, con actividades de lecer infantil, obradoiros gastronómicos e postos de artesanía e creatividade, implicando neles a placeiras e concesionarios da planta baixa e do segundo andar en charlas sobre peixe, marisco ou carne

“Tras este ilusionante período de Nadal, o Concello xa comezou a traballar na campaña do vindeiro ano co obxectivo de que as festas cheguen coa mesma intensidade a toda a Pontevedra, incluíndo aos nosos barrios e parroquias”, apunta a edil.