O Club Waterpolo Pontevedra organizará este ano un carrusel de campionatos galegos na piscina do CGTD

90
  • O calendario de competicións de Inverno, que comezará este sábado coa categoría Cadete Feminina, foi presentado hoxe nun acto ao que asistiu o concelleiro de Deportes, Tino Fernández

O Club Waterpolo Pontevedra será este ano anfitrión e organizador dun carrusel de campionatos galegos da disciplina que se celebrarán na nosa cidade. O calendario de competicións de Inverno foi presentado esta mañá no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) nun acto que contou coa presenza do director do Centro, Jesús López, en representación da Xunta; o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, o socialista Tino Fernández; o presidente da Federación Galega de Natación (FEGAN), Carlos Touriño, e o do Club Waterpolo Pontevedra, José Tellería.

Segundo explicou Tellería, o clube pontevedrés “será esta tempada organizador de 13 campionatos galegos, grazas á inestimable colaboración do CGTD e a Xunta de Galicia, que poñen a disposición do CW Pontevedra e FEGAN a súa piscina, así como da Deputación e do Concello”. Os primeiros catro, os de Inverno, desenvolveranse durante o mes de xaneiro, comezando este sábado 11 co de categoría Cadete Feminina, onde participarán tres clubes galegos xogando en formato triangular, cun total de tres partidos (dous por equipa): o CW Pontevedra competirá contra o RCN Vigo e o CW Coruña Rías Altas.

O primeiro dos encontros terá lugar ás 10:00 horas co duelo pontevedrés entre RCN Vigo e CW Pontevedra, mentres que ás 11:15 horas comezará o partido entre a equipa da casa e o CWC Rías Altas. Por último e para decidir as posicións do podio, o RCN Vigo xogará contra o CWC Rías Altas ás 12.30 horas. O acto de entrega de medallas está previsto para as 13:30 horas.

O waterpolo continuará ao longo do mes con outros tres campionatos galegos. Así, o sábado 18 de xaneiro celebrase o de categoría Infantil Feminina, coa participación do CW Pontevedra, o CW Santiago e o RCN Vigo, e o de Benxamín Mixto, con outras tres equipas (CW Pontevedra, CW Santiago e CW Cambre). O sábado 25 de xaneiro tocaralles o turno ás e ós deportistas de categoría Alevín Mixta, con sete equipas: CW Pontevedra A, CW Pontevedra B, CW Santiago A, CW Santiago B, CW Cambre, CWC Rías Altas e Asociación Coruñesa de Waterpolo.

O concelleiro de Deportes asegura que a cidade “debe sentirse moi orgullosa de ter un clube que converterá un ano máis a Pontevedra en epicentro do waterpolo galego e que xa comeza a exportar a o seu talento a equipas do primeiro nivel nacional”.