Rosario Álvarez e Esdemga, gañadores dos premios Cidade de Pontevedra

33
  • A decisión do xurado foi por unanimidade.
  • Entregaranse nun pleno extraordinario o vindeiro 20 de xaneiro, coincidindo co día de San Sebastián, patrón da cidade.

O xurado dos premios Cidade de Pontevedra acordou esta mañá galardonar a Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, na categoría de persoa física, e á Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) na categoría de persoa xurídica. A decisión do xurado, no que están representados membros dos grupos políticos municipais, da prensa local e do sector cultural, foi por unanimidade.

Os premios serán entregados nun pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro 20 de xaneiro no Teatro Principal.

Rosario Álvarez

Pontevedresa de nacenza, desenvolveu a súa mocidade na ruela da Fonte dos Tornos onde tiña a casa familiar; na praza do Teucro, cos amigos e amigas do club xuvenil Lambrica; no instituto de Bacharelato da Avenida de Montero Ríos e máis adiante nas páxinas da revista Teima; nas aulas da Universidade de Santiago de Compostela onde exerce a cátedra e asumiu labores de xestión no goberno da institución; nas campañas de investigación de campo de Atlas Lingüístico de Galicia da que foi unha das primeiras animadoras, e dende hai poucos meses na presidencia do Consello da Cultura Galega, primeira muller que ocupa tal responsabilidade.

Esdemga

Os estudos de moda levan 20 anos colocando a Pontevedra no panorama internacional ao máis alto nivel. Polas súas aulas teñen pasado alumnas e alumnos, guiados por unha excepcional equipo docente. 

No afán de conexión de Esdemga coa cidade, desenvolve entre outras moitas actividades o desfile final Debut, onde se pode ver o traballo que se realiza cada ano valorado, ademais, por xurados internacionais do máis elevado prestixio. Os titulados e tituladas están presentes habitualmente nas principais pasarelas e forman parte dos equipos directivos dunha extensa listaxe de firmas de moda. Un brillante percorrido de 20 anos, merecedor deste galardón.

Carme Fouces, presidenta do xurado e concelleira de Cultura.
Carme Fouces, presidenta do xurado e concelleira de Cultura.