A Bolsa dos Desexos de Asampo instalarase o vindeiro sábado 18 pola tarde na Praza da Peregrina

16
  • A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, respaldará aos integrantes do colectivo no seu camiño a Santiago de Compostela para depositar os desexos na capela da Corticela

Recoller os anhelos das persoas que o vindeiro sábado 18 de xaneiro pola tarde se acheguen ata a Praza da Peregrina a informarse sobre a súa actividade e depositalos na capela da Corticela en Santiago de Compostela é a finalidade da Bolsa dos Desexos creada pola Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo). O colectivo, que ten por obxectivo principal fomentar a doazón de órganos, sangue e texidos, instalará unha carpa informativa entre as 16.00 e as 20.00 horas, contando coa presenza e respaldo para a súa causa da concelleira de Benestar Social, a socialista Paloma Castro.

Entre as diferentes actividades organizadas por esta asociación sen ánimo de lucro víñase celebrando unha denominada Desexos do Ceo, consistente nunha mesa informativa na que se recollen as aspiracións das persoas que se achegaban ata ela e, posteriormente, se depositaban nunhas bolsas e se soltaban atadas a cen globos. Dado o dano ambiental que isto ocasionaba, decidiuse facer esta acción por última vez en 2017 e no 2018 substituíuse por unha chocolatada con rosca ofrecida de balde a todo o que pasaba pola mesa.

“Este ano, a maiores da chocolatada, incorporouse á carpa informativa unha bolsa para recoller os desexos das persoas que se acheguen, a bautizada como Bolsa dos Desexos, que será levada por integrantes e voluntarios de Asampo camiñando dende Tui ata Santiago de Compostela”, suliña Paloma Castro.

A saída desta camiñada producirase o sábado 18 ás 8.00 horas dende Tui e a chegada á capital galega ao día seguinte, 19 de xaneiro, en torno ás 10.00 horas. Os membros do colectivo manterán na Alameda de Santiago un encontro con diferentes asociacións que desexen dar visibilidade ás súas patoloxías e todos xuntos completarán o treito final ata a catedral, onde tódolos desexos serán depositados na capela da Corticela, tamén coñecida como capela dos estranxeiros. “Estes desexos -engade a edil do PSOE- serán recollidos por alguén na catedral e empregados para acender o Botafumeiro”.

Ao longo do sábado instalarase unha carpa con mesa informativa nas principais cidades polas que pasará a bolsa: Porriño (entre as 9.00 e as 13.00 horas na rúa Antonio Palacios, fronte ao salón de plenos do Concello), Redondela (entre as 12.00 e as 16.00 horas na Praza de Rivadabia, fronte á casa da torre) e Pontevedra (entre as 16.00 e as 20.00 horas na Praza da Peregrina).