Concello e Amizade reforzan a súa colaboración para mellorar a accesibilidade no concello

9
  • O alcalde reuniuse con Paulo Fontán, presidente da asociación, e fixeron repaso de diversas necesidades en distintos puntos da cidade.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta mañá unha reunión con Paulo Fontán, presidente da asociación Amizade, para reforzar os lazos de colaboración da entidade co Concello de Pontevedra. Tras o encontro, o alcalde lembrou que Amizade ten un convenio co Concello de Pontevedra para colaborar no control e execución de obras, e tamén fai propostas para certos espazos que precisan mellorar a accesibilidade.

A pesar deste convenio, o alcalde recoñeceu que hai zonas da cidade nas que é preciso mellorar ben porque xa fai tempo que se ten actuado nelas ou ben porque son proxectos que teñen aspectos pendentes de rematar.

O alcalde explicou que “tomamos nota de todas as súas peticións que van dirixidas, fundamentalmente, aos servizos técnicos, xa que son obra pública”.

A modo de exemplo, falaron da necesidade de mellorar a accesibilidade no primeiro tramo da avenida Xosé Malvar (entre a rotonda de Valdecorvos e A Seca) xa que non existe continuidade en ningunha das dúas beirarrúas e supón un inconveniente para as persoas con discapacidade.

Tamén explicou que “parece razoable que cando hai a Cabalgata de Reis ou actos así, se habiliten espazos para as persoas con discapacidade para que poidan ter máis facilidades para gozar do espectáculo” ou incluso nos novos contratos “agora que temos o do lixo, pois intentar ver que os colectores sexan accesibles”.

De todos os xeitos, Lores afirmou sentirse “orgulloso” de que Pontevedra sexa unha referencia mundial, pero, aínda así “temos que seguir recibindo estímulos externos” para non baixar o nivel de esixencia tratando de lograr a excelencia neste eido.