- Nestes días rematouse o terceiro tramo da avenida de Marqués de Valterra que se incorporou ás outras 12 actuacións que se realizaron nos últimos dez anos.
- Dende a aprobación do ARI de Estribela en 2007, fixéronse sete convocatorias nas que había unha reserva de fondos para a mellora do espazo público do barrio.
O Concello de Pontevedra recibiu nestes días a obra de reurbanización da terceira fase da reurbanización da avenida de Marqués de Valterra, na parroquia de Lourizán, financiada con fondos da sétima convocatoria da Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Estribela. Nesta última década, o Concello ten investido preto de 900.000 euros para acondicionar en distintas rúas e prazas do barrio de Lourizán con cargo aos fondos ARI.
A Área de Rehabilitación Integral de Estribela foi declarada o 3 de maio de 2007 e dende aquela o Concello de Pontevedra optou a sete convocatorias. O principal destino dos fondos da ARI son actuacións para a rehabilitación de vivendas particulares, pero tamén existen partidas destinadas a actuacións no espazo público do ámbito para o que foi aprobada.
A primeira das actuacións no ámbito público en Estribela foi na rúa do Cruceiro que se iniciou hai agora 10 anos. Dende aquela, o Concello ten investido 899.032,48 euros en reurbanizar nove rúas, prazas e avenidas, incluída a que agora vén de rematar, acompasando á mellora que se vén facendo nas vivendas deste barrio mariñeiro do concello.
As actuacións foron de diverso tipo: renovación de pavimentos coa substitución de servizos soterrados, canalizacións de pluviais, reposición de iluminación pública, asfaltados e, incluso, a reforma do parque infantil do barrio.
Dos case 900.000 euros, a achega municipal foi de 593.777,22 euros e a subvención procedente do ARI (financiado con fondos do Estado e Xunta) foi de 305.255,26 euros.
As rúas beneficiadas dende o ano 2010 foron:
Fases | Rúa/Praza | Custe | Achega municipal |
1ª Fase (2010) | Rúa Cruceiro, Rúa das Laxes, Praza Marqués de Valterra | 190.323,80 | 95161,9 |
2ª Fase (2011) | Rúa Senén Sobral | 230.209,93 | 151.693,83 |
3ª Fase (2012) | Praza Marqués de Valterra e Rúa Pedra Longa | 114.847,09 | 80.840,99 |
4ª Fase (2014) | Rúa Marqués de Valterra e avenida Marqués de Valterra | 87.090,30 | 52.254,18 |
5ª Fase (2015) | Rúa Comboa | 140.400 | 76.439,11 |
6ª Fase (2016) | Rúa do Mercado e Avenida Marqués de Valterra Tramo II | 53.693 | 38.161,75 |
7ª Fase (2019) | Avenida Marqués de Valterra Tramo III | 82.468,36 | 58.613,88 |
Os investimentos de todos estes anos permitiron recuperar substancialmente o barrio mariñeiro de Estribela e transformar a súa imaxe, ampliando rúas, mellorando beirarrúas, creando plataformas únicas, soterrando servizos, instalando canalizacións de pluviais, reordenando espazos…
III Fase de reurbanizacion da avenida Marqués de Valterra
A terceira fase de reurbanización da avenida Marqués de Valterra foi realizada pola empresa Construcciones Fechi cun orzamento de 68.155 euros.
A actuación executouse entre os números 93 e 71, e consistiu na creación dunha nova beirarrúa con lousas de granito, incorporando o mesmo material no deseño das tapas das arquetas e dos pozos de rexistro. Redimensionouse e substituíuse a rede de pluviais, e revisouse a rede de saneamento, facendo os tramos que non existan na actualidade.
A reurbanización tiña un prezo de licitación de 96.977,32 euros e presentáranse 24 empresas.