A reforma da rúa da Santiña priorizará a mobilidade peonil e completará a trama urbana do Camiño

107
  • O concelleiro de Obras mantivo unha xuntanza coa veciñanza para explicar os obxectivos do plan de necesidades desta intervención 
  • O investimento previsto sitúase ao redor de 1,2 millóns de euros, de cara a estender o modelo de calidade urbana a todo o barrio de Burgo

Priorizar a mobilidade peonil, estender o modelo de calidade urbana, e completar a trama urbana do Camiño de Santiago son os principais obxectivos da reforma da rúa da Santiña, na que o Concello prevé un investimento aproximado de 1,2 millóns de euros. Esta intervención, que actualmente está na fase de contratación do equipo de Arquitectura que vai redactar o proxecto, foi presentada ante a veciñanza por parte do concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez. 

O propio edil indicou que estes obxectivos forman parte do plan de necesidades que o Concello lle presentará ao equipo de Arquitectura que gañe o proxecto. De xeito pormenorizado, en canto ao obxectivo de priorizar a mobilidade peonil adiantou que “o máis probable é que a rúa teña plataforma única en boa parte do seu trazado”. En segundo lugar, citou o obxectivo de completar a trama urbana do Camiño de Santiago, atendendo tanto á súa importancia patrimonial e histórica como á súa impronta económica, asegurando que “se tranta dun dos nosos elementos patrimonias máis importantes e que ademais xera postos de traballo e riqueza na cidade”. Por último, a reforma desta rúa tamén permitirá extender o modelo urbano aos barrios da cidade, neste caso concreto ao barrio do Burgo, o que implicará, ademais da máxima calidade urbana en todo o barrio en xeral, a creación de zonas de estancias no barrio.

Demetrio Gómez fixo fincapé en que esta intervención tamén dará “unha solución de continuidade e sen transición brusca entre a zona urbana e a parte da rúa da Santiña que ten unha configuración máis rural.” Por último tamén lembrou que “neste mandato, que queremos que sexa o mandato dos barrios, estase facendo un esforzo moi importante no barrio do Burgo”, Neste sentido, citou a intervención que se está realizando na Ponte do Burgo e que asegurou que “vai servir para facer unha boa conexión peonil entre o barrio e a cidade”, así como a reforma da avenida da Coruña que actualmente está en contratación, a reordenación do tráfico no barrio de acordo coa veciñanza, e a incluisón dunha das liñas de transporte público que se pactou co Xunta para que dea servizo ao Burgo por ser “un barrio moi populoso e no que algunhas zonas xa quedan algo alonxadas da cidade” asegurou.