Arranca o Plan de barrios en Eduardo Pondal coa peonalización dun tramo da rúa da Moa

152
  • A Concellaría de Obras, que dirixe Demetrio Gómez, inicia a primeira das obras priorizadas nos barrios: integrar as perpendiculares do Gorgullón. Ao seu remate, instalaranse os lombos de Eduardo Pondal.
  • Nesta semana, Demetrio Gómez reuniuse cos veciños e veciñas de Fernando Olmedo para acordar a instalación de bancos, cadeiras e tarros de flor que manterán os propios residentes, a petición deles mesmos. 

A Concellaría de Obras, que xestiona o edil Demetrio Gómez, arranca 2020 poñendo en marcha as primeiras actuacións do Plan de barrios que está programado desenvolver neste mandato. A primeira actuación que foi priorizada polo departamento de obras é no barrio do Eduardo Pondal – Gorgullón, dende a pasarela de Doce de novembro até Ponte Boleira. Neste ámbito está previsto executar obras como integrar ás perpendiculares do Gorgullón, colocar lombos en Eduardo Pondal ou completar o traza peonil en Doce de novembro a través da pasarela sobre o tren, entre outras actuacións máis pequenas.

A primeiro dos traballos comezou esta semana na parte baixa da rúa da Moa (perpendicular a Gorgullón e fondo de saco). Esta actuación valorada en 27.000 euros consiste en crear unha plataforma única na rúa, retirando as dúas prazas de estacionamento, sacando un valado publicitario situado nunha pequena tira de terreo de propiedade privada e prohibindo o acceso rodado á zona, onde se sitúa unha ludoteca infantil que emprega o espazo público como lugar de recreo dos cativos e cativas.

Paralelamente tamén se está a rematar a beirarrúa no entronque de Eduardo Pondal coa rúa do Muíño, recentemente peonalizada. Na reforma do Muíño quedara pendente esta última actuación que consiste na demolición das actuais beirarrúas de Eduardo Pondal (neste punto) e a construción dunha beirarrúa continuando, tamén, a zona verde. O obxectivo é crear un espazo peonil seguro e amplo para dar servizo ao elevado tránsito de peóns que ten Eduardo Pondal.

Lombos en Eduardo Pondal

Unha vez que rematen estas obras que se estenderán durante as vindeiras dúas ou tres semanas e que executa a empresa E.C.Casas, o Concello instalará os lombos na rúa Eduardo Pondal, unha demanda veciñal moi solicitada.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, explicou que o Concello se marcou neste mandato estender o modelo de cidade aos barrios. Reflexo desta priorización son os anuncios realizados tanto no barrio de Eduardo Pondal como no Burgo, onde esta mesma semana se convocou unha asemblea para informar do inicio do proceso de contratación do proxecto da reforma da rúa da Santiña. A asemblea estivo ateigada de veciños e veciñas interesados en coñecer as directrices coas que se encargará o proxecto e poder participar nel. De feito, o concelleiro agradeceulles o bo ambiente e clima de colaboración dos asistentes á reunión moi interesados na reforma da súa rúa.

Estas actuacións se complementarán con outra obra de gran relevancia como a reforma de Loureiro Crespo e gran parte das rúas do Castañal, que está en proceso de contratación, por 2,9 millóns de euros.

Fernando Olmedo

No marco de atención aos barrios, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, reuniuse esta semana con veciños e veciñas da rúa Fernando Olmedo para decidir a colocación de bancos e cadeiras na praza creada entre as rúas Casimiro Gómez e A Seca. 

Unha vez rematada a obra, estaba pendente da instalación de mobiliario público cuxa remesa chegou a pasada semana ao Concello. 

A petición dos veciños, supervisada pola arquitecta técnica municipal, foi a instalación de tres bancos e a recolocación de dúas cadeiras, ademais do traslado dalgún dos tarros retirados en Benito Corbal para a zona. Esta última foi unha petición expresa dos residentes interesados en manter eles mesmos os tarros. 

Demetrio Gómez agradeceu esta colaboración e o interese dos veciños e veciñas por participar no mantemento da nova praza.

O mobiliario público está colocado dende o venres.