Jesús Gómez Viñas, Daniel Macenlle e Xosé Manuel González Abal son nomeados directores xerais

72
  • Encabezarán as áreas de Mobilidade, Protección Cidadá, e Recursos Humanos, e súmanse ao director xeral xa nomeado na área de Urbanismo e Alcaldía, Xosé Manuel Tato
  • Mañá tomarán posesión e nos vindeiros días manterán unha xuntanza co alcalde e as concelleiras e concelleiros de cada área para definir prioridades de traballo 

“Un fito importantísimo para os obxectivos básicos que nos marcamos, que é a modernización da Administración”, así definiu esta mañá a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, o nomeamento oficial dos tres novos directores xerais do Concello. Tras o nomeamento aprobado hoxe en Xunta de Goberno, tomarán posesión mañá e, nos vindeiros días, teñen fixada unha reunión co alcalde e coas concelleiras e concelleiros responsables de cada área para definir proxectos, ideas e liñas de acción. Trátase de Jesús Gómez Viñas que asume a dirección xeral de Mobilidade, Daniel Macenlle como director xeral de Protección Cidadá e Xosé Manuel Gómez Abal como director de Recursos Humanos. Os tres nomeamentos súmanse ao director xeral da Urbanismo e Alcaldía, Xosé Manuel Tato, que vén exercendo esta función nos últimos oito anos e que toma posesión coa renovación de cada mandato.

Tras anunciar o nomeamento oficial, Anabel Gulías destacou que tamén se cumpriu o obxectivo previsto de que, na medida do posible, estes postos fosen ocupados por funcionarios do Concello. “Todos os directores xerais van ser persoal da casa e que coñecen esta administración, o que tamén é un recoñecemento ao traballo da maioría dos funcionarios e das funcionarias que fan parte de todos os logros que conseguiu esta cidade” asegurou. En canto ás súas funcións resumiunas en “organizar os servizos, coordinalos, levar un control dos proxectos para que se desenvolvan segundo o establecido, motivar o persoal co que traballan e establecer certa prioridade nos proxectos de goberno”. 

A portavoz do Goberno lembrou que a figura dos directores xerais non é allea ao Concello de Pontevedra, en referencia ao traballo realizado por Xosé Manuel Tato á fronte de Urbanismo, e asegurou que remitíndose a esta experiencia o obxectivo é que  “os servizos funcionen dun xeito óptimo e os proxectos saian con maior celeridade”.  “Dixemos que queriamos que este Concello funcionase como un reloxo suízo e entendemos que así vai ser” insistiu, ao tempo que cualificou este nomeamento como “un novo chanzo dentro da modernización da Administración local que abre unha nova etapa”.