Paloma Castro consensúa co responsable do comedor social de San Francisco “un sistema máis áxil e directo” para facer chegar as axudas municipais a este servizo

81
  • A socialista e o pai Gonzalo Diéguez acordaron substituír o habitual convenio, de farragosa tramitación, por “un modelo máis funcional e acaído ás demandas reais que presente o comedor”

A concelleira de Benestar Social, a socialista Paloma Castro, acordou co responsable do comedor de San Francisco, o pai Gonzalo Diéguez, substituír este ano a subvención que se viña reservando habitualmente nos orzamentos municipais a este servizo “por un sistema máis áxil e directo para facerlle chegar as axudas”. A decisión foi consensuada entre ámbalas dúas partes ao entender que o sistema de convenio que se viña empregando resultaba moi pouco funcional e de farragosa tramitación, o que, segundo apunta a edil do PSOE, “se traducía en que a achega que se reservaba nas contas do Concello para esta finalidade nin sequera se chegase a empregar”.

Castro e o responsable de San Francisco acordaron implementar este mesmo ano “un modelo máis acaído ás demandas reais que vaia presentando o comedor”, concretando a colaboración do Concello “a través de vías como a Redeaxuda, o Banco de Alimentos, a adquisición de enseres e de mobiliario necesarios para a prestación do servizo, a entrega directa de alimentos procedentes das diversas campañas solidarias ou as achegas económicas concretas para o período de Nadal (no reparto de Froiz o comedor recibiu un vale de máis de 3.000 euros)”. 

“O pai Gonzalo é a persoa que coñece de primeira man e mellor que ninguén as necesidades do comedor. Para distribuír os orzamentos da Concellería dun xeito máis razoable e que as achegas económicas non se desaproveiten, será el quen nos informe exactamente sobre o que precisan e nós irémolo satisfacendo con axilidade. A petición súa, por exemplo, acabamos de adquirir unhas tarteiras e está en tramitación unha nova vaixela por valor de 463 euros, xa que se empregan dun xeito moi intensivo e acaban rompendo co tempo”, explica a concelleira.

Definir os requirimentos máis perentorios do servizo foi precisamente o obxectivo do encontro que a edil de Benestar Social mantivo esta mesma mañá con Diéguez en San Francisco. Entre as necesidades que o pai Gonzalo lle mencionou a Paloma Castro figuran a compra de embutido, “xa que se fan moitos bocadillos”, e sobre todo o arranxo dos adoquíns e das beirarrúas nos accesos ao comedor dende a rúa Pasantería e a Travesía Aduana.

“Onte mesmo tivemos uns 145 comensais”

Diéguez agradeceu o interese que o Concello amosou durante todos estes anos polo labor da institución e admitiu sentirse moi satisfeito coa decisión de axilizar o sistema de axudas, xa que o anterior “era moi farragoso, xa que había que levar un montón de papeleo, dende seguridade social a nóminas e fotocopias… Algo moi complicado para nós e, sobre todo, para min agora”. “Temos necesidade constante de vasos e de vaixela, porque rompen bastante, así que viñéronnos de marabilla os que nos mercaron. As tarteiras do ano pasado -afirmou o pai Gonzalo- son magníficas e tamén nos viñeron estupendamente. Por suposto, calquera axuda en forma de alimento é ben recibida para poder manter esta obra, que eu creo que é importante en Pontevedra”.

Da magnitude da obra social que realiza o comedor de San Francisco falan os números de comensais diarios que atenden. Tal e como sinalou o pai Gonzalo durante a reunión coa concelleira de Benestar Social, “onte mesmo tivemos uns 145 comensais e esa soe ser a tónica de xente que atendemos, 130, 140… Excepto os sábados, que baixa un pouquiño”. Isto obrígalles a manter ata tres quendas diarias de comensais.