Verducido, Santa María e Santo André de Xeve terán o alumeado renovado con tecnoloxía led

37
Logos IDAE + fondos FEDE
  • O Concello prevé un investimento de 1,3 millóns de euros nesta actuación, que implicará a substitución de 1.887 puntos de luz e de 28 cadros de alumeado, e un aforro enerxético do 70% 
  • A renovación do alumeado exterior con tecnoloxía led nestas tres parroquias, sumaríase as de Ponte Sampaio, Bora, A Canicouva e Lourizán

O Concello vén de aprobar en Xunta de Goberno o proxecto para a solicitude de subvención para renovar o alumeado exterior nas parroquias de Verducido, Santa María de Xeve e Santo André de Xeve. O proxecto contempla a substitución de 1.887 puntos de luz e 28 cadros de alumeado cun orzamento de 1.319.655,56 euros, do que o 80% sería financiable con cargo a fondos europeos e o 20% xa está contemplado no novo orzamento municipal. Anunciouno esta mañá a portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías, quen indicou que a renovación do alumeado con tecnoloxía led nestas tres parroquias forma parte “dun proxecto que xa se iniciou no mandato pasado e co que xa se renovou Ponte Sampaio, Canicouva, Bora e está en contratación Lourizán, o que supón 815.000 euros xa investidos”. Explicou, ademais, que con esta renovación serán “aproximadamente o 50% das parroquias as que se renovan con tecnoloxía led, e polo tanto, un aforro considerable para o Concello e unha aposta polo Efecto PO2”.

Anabel Gulías aproveitou para detallar a redución prevista en canto a aforro e custe enerxético que vai supoñer esta actuación nas parroquias de Verducido, Santa María de Xeve e Santo André de Xeve. Explicou que a renovación do alumeado levará parella unha minoración da potencia instalada para axeitala á potencia que realmente se precisa, sen reducir a calidade do alumeado. Así, dos 198,21 kW contratados actualmente prevese unha nova situación na que a potencia se reduza ata os 87,31Kw. Esta diminución implicará, en palabras de Gulías “un aforro enerxético moito máis sustentable e un consumo enerxético máis racional” que se traducirán nunha redución do consumo enerxético desde os 878.689,90 kW/h ao ano actuais, ata os 279.822,46 kW/h ao ano. E en cifras económicas, o custe enerxético reducirase desde os 114.229,69 euros/ano actuais a 36.376,92 euros/ano, o que se traduce nun aforro enerxético de case un 70%.

Obras emerxencia no espazo arqueolóxico de Santa María

A Xunta de Goberno desta mañá tamén aprobou a realización por emerxencia das obras derivadas do derrube do muro no espazo arqueolóxico de Santa María.

Os traballos precisos para a restauración do muro corresponden a un orzamento total de 29.793,04 euros que serían acometidos por tres empresas especializadas. A empresa ACEVI, cun orzamento de 19.505,01 euros, acometerá traballos de axeitamento do propio muro; a empresa BIC Materiales y Construcción, cun orzamento de 4.901,93 euros, executará a restauración do muro incluíndo a redacción e a tramitación do proxecto; e a empresa APC Arqueoloxía Patrimonio Cultural, cun orzamento de 5.386,01 euros, para control arqueolóxico e para o proxecto de intervención arqueolóxica