O salón das familias Mundonen@s acolle esta fin de semana máis de 200 actividades de lecer infantil

220
  • Nen@s de tódalas idades poderán gozar dunha ampla gama de talleres, conferencias, contacontos e espectáculos, entre os que destaca Mundonenos O Musical, con máis de 100 artistas 

Nenas e nenos de tódalas idades poderán desfrutar esta fin de semana das máis de 200 actividades de lecer infantil programadas no salón das familias Mundonen@s 2020, patrocinado pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, a socialista Yoya Blanco. Nesta ampla gama de xogos e iniciativas para o público infantil inclúense contacontos, talleres didácticos, inchables, conferencias e espectáculos, entre os que destaca Mundonenos O Musical que reunirá sobre o escenario a máis de cen artistas con música e voces en directo.

Esta nova edición do salón das familias abrirá mañá as súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra, ofrecendo ás familias, reunidas nun só espazo, tódalas solucións, e contando con expositores de escolas de Infantil e colexios, academias de idiomas, actividades extraescolares, animación infantil, campamentos e aventura, saúde e alimentación infantil, moda e decoración para o fogar, coches, seguros, moda e decoración e deportes. O evento, que se prolongará durante as xornadas do sábado e o domingo, conta coa colaboración de Gadis, Abanca, San Joaquín e Leyma.

A concelleira de Promoción Económica fixo fincapé no “espléndido musical que se vai representar durante dúas xornadas consecutivas e que enriquece de xeito moi considerable a atractiva programación de lecer de Mundonenos”. No espectáculo, que se representará tanto o sábado 25 como o domingo 26 ás 18.30 horas, colaboran a Xoven Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, o Coro Infantil Luís García Limeses e o Grupo de Baile B’ Troula. 

Entre as máis de 200 actividades deseñadas para este salón, que terá un custe de entrada de só tres euros, figuran tamén xogos tradicionais, festa infantil e un taller de pizza.