A Memoria das Mulleres achégase aos centros de ensino con rap, teatro, proxeccións, roteiros e conferencias

99
  • Este programa pon a disposición dos centros de educación secundaria un catálogo de actividades para promover a reflexión entre o alumnado sobre a historia da cidade desde a perspectiva feminina

Desde o programa ‘A memoria das mulleres’ da concellaría de Patrimonio e Memoria Histórica ofértase un catálogo de actividades para os centros de educación secundaria co obxectivo de, en palabras do concelleiro reponsable da área, Xaquín Moreda, “espertar o interese pola memoria da cidade entre a xente máis nova”. Moreda tamén asegurou que para conseguilo “intentamos configurar unha programación ampla e con actividades de tdo tipo para dentro e fóra das aulas”.

O programa inclúe obradorios, teatro, documentais, roteiros e conferencias, todos sen custe para os centros, e a solicitude pode realizarse a través do enderezo electrónico patrimoniocultural@pontevedra.eu. 

Este tipo de oferta, que dá continuidade a un proceso iniciado en cursos anteriores, ten como unha das principais novidades a introdución dun obradoiro de rap sobre memoria histórica. Segundo explicou Xaquín Moreda, o obxectivo desta actividade é impartir un taller que, coa música como ferramenta, faga reflexionar ao alumnado sobre o sucedido en xullo de 1936 e tamén sobre a importancia da linguaxe na transmisión da memoria.  O obradoiro será impartido polo pedagogo e coñecido músico galego García Mc, ten unha duración de 1 hora e 45 minutos e está pensado para que participe un grupo nunca superior a  30 compoñentes, a partires dos 13 anos de idade.

No apartado de obradoiros tamén se inclúe a actividade ‘Recollemos a nosa memoria’, que propón a adaptación da etnografía ás aulas, a través da realización de traballo de campo, nomeadamente a través de entrevistas. A actividade divídese en dúas sesións de 50 minutos cada unha. Na primeira trabállase co alumnado no coñecemento e posta en práctica das técnicas etnográficas, na que cada alumno e alumna escolle unha temática sobre a que traballar relacionada coa Memoria das Mulleres e sobre a que vai realizar as entrevistas. A segunda das sesións estaría dedicada ao tratamento do material unha vez realizadas as entrevistas e a finalidade é propor actividades para traballar en base ás entrevistas e temáticas tratadas, dando forma a un material que despois se integraría na web do proxecto. 

A programación inclúe tres conferencias: “Mulleres pioneiras, heterodoxas e rebeldes”, na que María Xesús López Escudeiro fai un percorrido pola historia da cidade en feminino; “A represión franquista contra as mulleres” na que Montse Fajardo Pérez fala da represión sufrida polas mulleres tras o golpe de Estado de 1936, a través de nomes, biografías e imaxes de pontevedresas que sufriron cárcere, vexacións sexistas, depuración, exilio ou mesmo asasinato; e “As familias do 12 de novembro” tamén a cargo de Montse Fajardo Pérez e que aborda o estudo da represión franquista na cidade a través da historia dos dez republicanos asasinados na Caeira o 12 de novembro por liderar a defensa da cidade contra o golpe de Estado. 

Inclúense ademais tres actividades fóra das aulas. Dous roteiros para coñecer a historia en feminino: nun deles María Xeús López Escudeiro percorre co alumnado os lugares da cidade relacionados coa historia das mulleres, tanto pioneiras como traballadoras do común, e Montse Fajardo guía un roteiro de memoria, que permite coñecer os escenarios relacionados coa resistencia ao golpe e coa represión desatada na cidade a partir de xullo de 1936. E o mural “Do gris ao violeta” inaugurado en 2019 na rúa Poza dos Canos, preto do parque Amalia Álvarez, e que percorre graficamente a achega feminina á historia da cidade, incluíndo a representación icónica de 23 pontevedresas: pioneiras, mestras e represaliadas. Na actividade, o mural funciona como un encerado interactivo onde a mocidade se achega ás biografías de Isabel Barreto, almiranta no Océano Pacífico no século XVI, Chichana Patiño, primeira aviadora galega, ou Candida Otero, pioneira no mundo da fotografía.     

Inclúense tamén dous documentais: “Matriarcas” e “A memoria neta”, ambos coa represión franquista e a transmisión do relato como temas centrais. E por último, o catálogo complétase con teatro nas aulas. A través de pequenas pezas teatrais, tres actri. Nesta actividade inclúese un coloquio do alumnado con algunha das persoas que conforman o equipo de investigación do programa, a fin de contextualizar as pezas. Esta actividade está dispoñible a partires de abril.