As promesas do waterpolo autonómico regresan este sábado ás piscinas do Estadio da Xuventude coa celebración do Campionato Galego Cadete Mixto

33
  • O CW Pontevedra presentou hoxe o intenso calendario de eventos previsto para o mes de febrero, nun acto que contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Tino Fernández

As piscinas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e as da Escola Naval de Marín serán escenario ao longo deste mes de febreiro dunha nova batería de Campionatos Galegos de Waterpolo de Inverno organizados polo Club Waterpolo Pontevedra. A quenda dará comezo este mesmo sábado, día 1 de febreiro, co Campionato Cadete Mixto, e pecharase o sábado 15 de febreiro co das categorías que menos competicións teñen durante o ano: Benxamín Mixto e Infantil Feminino (que estaban previstos para o mes de xaneiro e que quedaron aprazados ao non dispoñer das instalacións).

Os Campionatos foron presentados esta mañá no CGTD nun acto no que estiveron presentes, ademais do presidente do CW Pontevedra, José Tellería, o director do Centro de Tecnificación, Jesús López; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, o socialista Tino Fernández, e o deputado provincial Gregorio Agís. Segundo explicou Tellería, no torneo desta fin de semana participarán cinco equipos: CWC Rías Altas, CW Santiago, Asociación Coruñesa (grupo 1, que xogarán unha liguiña na primeira fase), RCN de Vigo e CW Pontevedra (do grupo 2).

“A fase preliminar empezará a xogarse a partir das 10.00 horas e rematará aproximadamente ás 14.00 horas. Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas xogarase polo terceiro e carto posto, mentres que a final está prevista para as 18.00 horas e a entrega das medallas e do trofeo de campión para as 19.00 horas”, precisou o presidente do CW Pontevedra.