Cedofeita celebra o 25 aniversario cunha publicación sobre a historia de Lérez e unha semana de actividades en maio

6

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira da parroquia de Lérez, Pilar Comesaña, e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, mantiveron esta mañá unha xuntanza co presidente e co secretario de Cedofeita, Xaime Iglesias e Xosé Luis E. Solla, na que o Concello lle amosou o apoio ás iniciativas que esta Asociación Cultural  ten previstas para celebrar o seu 25 aniversario.

Para esta efeméride, desde Cedofeita estase a traballar nunha publicación que recolle a historia da parroquia de Lérez desde a prehistoria ata a actualidade. A este respecto, o alcalde asegurou que esta publicación “botará luz sobre temas nos que hai un baleiro histórico” e citou como exemplo o estudo e investigacion sobre o castelo de Cedofeira. Asegurou que “a Cedofeita forma parte da historia de Pontevedra entre a época romana e a época de esplendor medieval”  e que traballar sobre este período “é un tema que non afecta só a Lérez senón que afecta tamén á cidade de Pontevedra”. 

Pola súa banda, Xaime Iglesias explicou que tratarán de facer un percorrido cronolóxico incluíndo no libro artigos que xa teñen publicado na revista da Asociación con outros nos que se está a traballar actualmente. Informou ademais que se editará unha segunda publicación sobre as festas de Lérez, como complemento a exposición que tiveron anteriormente; e que á semana de actividades que terá lugar a finais de maio daranlle un matiz especial con motivo dos 25 anos de vida e actividade, incluíndo música, teatro ou conferencias.

A Asociación Cultural Cedofeita conta con ao redor de 150 socios e socias e foi cualificada polo alcalde como “moi activa” e asegurou que “a súa actividade anual é para nós un orgullo”.