Unhas 250 persoas inscribíronse no II congreso sobre ‘A Diversidade Sexual e de Xénero nas Aulas’

5
  • A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, protagonizará a intervención inaugural do evento, expoñendo os resultados da enquisa realizadas nos centros de Secundaria e FP da cidade

O II congreso ‘A Diversidade Sexual e de Xénero nas Aulas. Materia pendente?’, que se celebrará este sábado no auditorio do Pazo da Cultura e co que se abrirá o calendario de actividades formativas e educativas do programa municipal Pinto e Maragota para 2020, conta cunha inscrición dunhas 250 persoas. A promotora desta iniciativa, a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, será a encargada de abrir a xornada formativa cunha presentación titulada ‘Deixar de mirar cara outro lado. A diversidade nas aulas existe’, na que exporá o informe de resultados da enquisa que a súa Concellería levou a cabo nos centros de Ensino Secundario e FP da cidade. 

Trala súa intervención, ás 10.30 horas, tomarán o turno de palabra a pediatra Inés del Río, coa ponencia ‘Diversidade sexual e de xénero na infancia e na adolescencia: Unha ollada ética’, e a licenciada en Dereito e activista trans Ada Otero, que falará sobre ‘A legalidade LGTB’. Unha mesa redonda en torno aos casos de éxito no tratamento da realidade LGTBI nas aulas, coa participación da Rede Educativa de Apoio LGTB e os IES As Barxas (Moaña) e Frei Martín Sarmiento (Pontevedra) pechará a quenda de mañá do congreso. 

A actividade retomarase ás 16.00 horas coa proxección do documental dirixido por Bea V. Campaña e producido por Fernando Rodríguez ‘Noite irisada’, sobre a loita do colectivo LGTB en Galicia. A continuación, ás 17.15 horas, Laura Bugalho, Marcos Ceive e Rihanna Currás protagonizarán outra mesa redonda baixo o título ‘Contra a desmemoria: tres xeracións de activismo trans’, mentres que o cantautor Viruta porá o broche de ouro á xornada coa charla concerto ‘Normal é un programa da lavadora’.