Desenvolvemento Sostible inicia a repoboación da senda fluvial do Lérez coa plantación de 70 carballos, 25 loureiros, 20 cerdeiras, 20 freixos e 15 abeleiras

41
  • O concelleiro Iván Puentes supervisou hoxe o comezo dos traballos, que estarán rematados mañá e que permitirán dotar de 150 especies de ribeira o treito máis próximo á praia fluvial 

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, achegouse hoxe ata o treito máis urbano da senda do Lérez para supervisar o inicio dos traballos de repoboación das marxes fluviais. A intervención do Servizo de Medio Ambiente Natural traducirase na plantación 150 árbores de ribeira e arbustos de especies frondosas na área lindante coa estrada de acceso á urbanización de Monte Porreiro, en concreto, de 70 carballos, 25 loureiros, 20 cerdeiras, 20 freixos e 15 abeleiras. Os operarios da empresa Cormo Integral agardan ter rematada a actuación na xornada de mañá.

O edil do PSOE amosouse “tremendamente satisfeito ao comprobar o paso firme que leva un proxecto de mellora ecolóxica que permitirá substituír eucaliptos e outras invasoras, como acacias e robinias, por especies de árbores que porán en valor un dos espazos naturais máis privilexiados cos que conta o concello de Pontevedra”. Deste xeito, o departamento de Medio Ambiente Natural completará unha actuación que se puxo en marcha en outubro do ano pasado coa tala dunha trintena de exemplares alóctonos e perigosos nun treito duns 150 metros próximo á praia fluvial, entre a ponte do ferrocarril e o inicio da senda.

Iván Puentes lembra que toda esta zona “atopábase infestada de acacias negras, mimosas, robinias e eucaliptos de gran tamaño”, existindo apenas árbores de ribeira autóctonas. “Esta segunda fase do proxecto permitirá corrixir a situación, xerando un sotobosque e dotando ás marxes fluviais deste Lugar de Interese Comunitario (LIC) dunha composición vexetal axeitada para un ecosistema de ribeira”, sinala o socialista.

Tal e como apunta o edil do PSOE, “esta actuación supón un primeiro paso adiante no camiño que a Concellería de Desenvolvemento Sostible vai seguir de cara á repoboación e mellora ecolóxica de toda a senda fluvial do Lérez”. 

Seguindo esta mesma filosofía, o Servizo de Parques e Xardíns tamén levou a cabo a finais de ano traballos de eliminación de especies invasoras (acacias, mimosas e brotes de eucaliptos) ao outro lado da estrada de acceso a Monte Porreiro, no talude existente entre a ponte do ferrocarril e a rotonda de entrada ao barrio, nas inmediacións do Mirador. Ao igual que está a acontecer no primeiro treito da senda do Lérez, o departamento municipal tamén ten previsto proceder aquí á plantación de árbores autóctonas e de variedades arbustivas máis acordes coa calidade ambiental do espazo.