O alcalde encoméndalle aos directores xerais impulso para acadar unha Administración áxil e moderna

24

O alcalde e os catro directores xerais mantiveron esta tarde a primeira reunión de coordinación para definir os principais obxectivos de cara a un mellor funcionamento de cada unha das áreas e da Adminsitración local en xeral. Fernández Lores mencionou como o principal obxectivo que “a maquinaria do Concello funcione como un todo” e lembrou que “ao igual que fomos pioneiros facendo cousas que non se estaban facendo noutros sitios, agora o que queremos é ser pioneiros en ter unha Administración dinámica e áxil”. Asegurou que coas direccións xerais se constitúe unha nova estrutura na que os catro directores encabezan e asumen a responsabilidade de dirixir áreas fundamentais para impulsar as liñas estratéxicas do actual mandato e dar solución ás demandas da veciñanza do século XXI.  Neste sentido, fixo fincapé en que teñen ao seu favor que, por ser todos funcionarios da casa, coñecen o funcionamento dos servizos municipais por dentro e están en disposición de acadar este propósito.

Nesta primeira xuntanza co alcalde estiveron presentes os catro directores xerais, Daniel Macenlle, Xosé Manuel Gómez Abal, Jesús Gómez Viñas, e Xosé Manuel Tato, aos que corresponden as áreas de Protección Cidadá, Recursos Humanos, Mobilidade e Urbanismo respectivamente, e parte dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Carme Fouces, Eva Vilaverde, Demetrio Gómez e Xaquín Moreda. 

“Como funcionarios con experiencia municipal, hai un respecto polo voso traballo por parte de moita xente da casa e sodes idóneos para poñervos ao fronte destas áreas” afirmou Fernández Lores. En concreto, para axilizar e modernizar o funcionamento da Administración, o alcalde trasladoulles unha serie de tarefas nas que comezar a traballar, tales como analizar a organización interna dos servizos e propoñer os axustes precisos para o seu funciomento óptimo, planificar o traballo e as prioridades a curto, medio e longo prazo, e coordinar o funcionamento entre as direrentes áreas do Concello, ademais das suxestións que os propios directores xerais vaian achegando. Tras esta primeira xuntanza, tamén se determinou que manter encontros de traballo periódicos para ir avaliando e planificando o traballo conxuntamente.