O Concello porá en marcha en 2020 proxectos por máis de 66 millóns

93
  • Saneamento, abastecemento, convenios para Montecelo, a Estación de Autobuses, a vía a Monte Porreiro, Loureiro Crespo, o Pavillón da Once, o Complexo da Parda, son algúns dos investimentos millonarios.
  • Hoxe celebrouse unha Comisión de Economía no que se volveu a entregar aos grupos políticos o anteproxecto de Orzamento, que xa foi aprobado por Xunta de Goberno. O pleno extraordinario de debate celebrarse o vindeiro 7 de febreiro.

No ano 2020 o Concello de Pontevedra porá en marcha proxectos por valor de máis de 66 millóns de euros, segundo explicou esta mañá o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González Carballo, que presidiu a primeira Comisión extraordinaria de Facenda para entregar o anteproxecto de Orzamentos 2020 aos grupos políticos municipais.

Neste ano estará en marcha o saneamento en 9 parroquias do rural (ás da zona norte) cun orzamento superior aos 18 millóns de euros; e os proxectos de abastecemento en distintos puntos do rural valorados en 14.083.000 euros. Tamén está programado para este 2020 arranxar o bombeo de Monte Porreiro.

Entre os convenios en colaboración con outras administracións, atópase o novo acceso a Monte Porreiro dende Tafisa até os Campos, o acordo coa Deputación provincial para dar unha alternativa de saída á avenida de Marín; o convenio coa Xunta de Galicia para a construción do novo acceso á Estación de autobuses e a reurbanización da súa contorna, ou o convenio de construción do Hospital Montecelo.

Todas estas colaboracións suporán un investimento de 14 millóns de euros.

A estas obras súmanse outros proxectos municipais como a reforma do Pavillón da Once, o inicio do complexo deportivo da Parda, a mellora da accesibilidade rural e urbana, a construción de novas casas de cultura, nova iluminación pública, a reforma de Loureiro Crespo… En total sumarán, segundas as contas do Departamento económico 66.149.812 euros o que supón unha importante inxección na economía local e a xeración de emprego.

Os prazos

O concelleiro de Economía explicou esta mañá que se entregaron as Contas do Orzamento de 2020 aos grupos políticos municipais nunha comisión extraordinaria, reiterando a documentación xa adiantada o pasado 21 de xaneiro.

O anteproxecto de Orzamentos xa foi aprobado pola Xunta de Goberno Local, o que permitiu poder convocar unha segunda Comisión de Economía e Facenda para o vindeiro martes 4 de febreiro, ás 09.30 horas onde se ditaminarán as emendas que se presenten. 

Nestes días tamén se aprobaron por unanimidade as Contas da Sociedade Municipal de Turismo e as do Organismo Autónomo Pazo da Cultura.

Raimundo González explicou que seguindo este calendario oficial está prevista a convocatoria do pleno extraordinario para o debate do anteproxecto de orzamentos para o venres, 7 de febreiro.

O Orzamento de 2020 ten unha contía de 79.336.000 euros “o máis alto da historia, o de maior investimento, e o de menor débeda pública, que conxela as taxas municipais por sexto ano consecutivo. Son o reflexo dunha boa xestión económica”, concluíu o concelleiro de Economía e Facenda..