O Concello instala seis lombos en Eduardo Pondal e Otero Pedraio

22
  • Nestes momentos trabállase en elevar as beirarrúas para posteriormente asfaltar.
  • Créase un novo paso de peóns sobreelevado na entrada ao albergue de Peregrinos.

A Concellaría de Obras urbanas, que xestiona Demetrio Gómez, iniciou esta semana os traballos para a instalación de seis pasos sobreelevados nas rúas Eduardo Pondal e Ramón Otero Pedraio, unha das poucas de dobre vía que non dispón deste redutor de velocidade.

A obra responde á necesidade de instalar medidas de calmado de tráfico e de completar rutas accesibles na rúa, levantando as beirarrúas para que o peón non teña que baixar á calzada para cruzala. Ademais, tamén atenden a unha demanda veciñal que ten solicitado medidas redutoras da velocidade.

Neste momento, a empresa E. C. Casas traballa en levantar as beirarrúas e crear as guías para as persoas con discapacidade visual cara o paso de peóns. Unha vez que estean adaptadas as beirarrúas, procederase ao asfaltado da calzada.

O Concello actúa nos cinco pasos de peóns da rúa Eduardo Pondal situados entre a rotonda de Doce de Novembro e Ramón Otero Pedraio. Estes pasos xa existen na actualidade. O sexto paso de peóns créase fronte á entrada do albergue de peregrinos, xa que ao longo da rúa non existe ningún, agás despois da rotonda de Eduardo Pondal, o que supón un perigo para os transeúntes que pasan dun lado ao outro.

A instalación de lombos en Eduardo Pondal está incluído dentro do Plan de Barrios, liña de traballo marcada neste mandato que quere estender o modelo de cidade aos barrios. Reflexo desta priorización son os anuncios realizados tanto no barrio de Eduardo Pondal como no Burgo, ou no ámbito de Raíña Vitoria. Estas actuacións se complementarán con outra obra de gran magnitude como a reforma de Loureiro Crespo e gran parte das rúas do Castañal, que está en proceso de contratación, por 2,9 millóns de euros.

Demetrio Gómez, concelleiro de Obras.