O Concello unifica as bases xerais das convocatorias públicas de emprego

51
  • As novas bases serán de aplicación para a denominada “parte xeral” das convocatorias, que se complementarán coas bases específicas que se aproben para cada proceso concreto  
  • Publicaranse o vindeiro mes de marzo tanto no BOE como no portal institucional do Concello

A Mesa Xeral de Negociación Sindical vén de aprobar unhas bases xerais que rexerán as convocatorias para todo o corpo funcionarial municipal. Isto implica que os procesos selectivos convocados polo Concello se rexerán por unhas mesmas bases para a denominada “parte xeral” da convocatoria para os grupos A1, A2, C1, C2 e agrupacións de profesionais. Estas bases xerais comúns para todos os grupos, complementaranse coas bases específicas que, incluíndo os correspondientes temarios, se aproben para cada convocatoria concreta.

Este acordo foi adoptado na última Mesa Xeral de Negociación Sindical co obxectivo de facilitar o acceso para as persoas que se presentan ás convocatorias, posto que ata agora cada convocatoria tiña as súas propias bases, tanto para a parte xeral como para a parte específica. A partires da entrada en vigor destas bases xerais, a parte denominada “xeral” será a mesma para todas as convocatorias, promovendo procesos selectivos máis homoxéneos, unha maior transparencia e unha axilización, en certa medida, dos procedementos.

A previsión é que estas bases xerais sexan publicadas no BOE no vindeiro mes de marzo, momento no que tamén serán colgadas no portal web institucional do Concello de Pontevedra e entrarán en vigor.

Convocatoria dunha praza de enxeñeiro informático

O Concello vén de abrir a convocatoria do proceso selectivo para cubrir unha praza de técnico superior en exeñería informática. Trátase de cubrir unha praza de funcionario de carreira correspondente ao grupo A1, necesaria para reforzar o servizo de redes informáticas e electrónicas da Administración local. 

Na actualidade, este servizo está conformado por 10 persoas (das cales 6 se encargan do departamento de informática e 4 da sede electrónica) e o seu reforzo con máis dotación en persoal forma parte dun proceso que se está implementando desde a Concellaría de Réxime Interior para optimizar os recursos municipais e mellorar a comunicación coa cidadanía e axilizar os procesos e trámites propios da Administración Electrónica.