Benestar Social e a Fundación Meniños poñen en marcha un programa de intervención precoz para frear a violencia que os fill@s exercen sobre os seus pais

75
  • O plan piloto impulsado pola concelleira socialista Paloma Castro está destinado a familias de Pontevedra con rapaces de entre 10 e 14 anos que presentan problemática de violencia filio-parental

O Programa de Atención Familiar dos Servizos Sociais Comunitarios, xestionado pola Fundación Meniños, atendeu en Pontevedra entre 2004 e 2018 a 59 mozos e mozas por condutas de violencia verbal e/ou física cara os seus proxenitores. Dende o ano 2010 vense producindo un incremento importante na detección deste tipo de situacións, esencialmente en rapaces de entre 14 e 15 anos e cun repunte importante de casos de agresións físicas entre os de 12 e 13. Diminuír estas condutas de violencia filio-parental é o principal obxectivo dun plan piloto de intervención precoz que a Concellería de Benestar Social e Meniños porán en marcha este mesmo mes.

O proxecto conta con dúas técnicas que se encargarán de ir conducindo a grupos de nais e pais e de adolescentes e que participarán nas sesións conxuntas coas familias: a educadora social Aurora Coego, responsable do programa, e a traballadora social Noa Corredoira. 

Tal e como sinala o coordinador da Fundación Meniños en Pontevedra, Roberto Antón Santiago, “este plan piloto está baseado na experiencia previa dun programa que o Ayuntamiento de Vitoria-Gasteiz desenvolveu en colaboración coa Universidade do País Vasco” e pretende atallar esta problemática “instaurando comportamentos alternativos axeitados e incompatibles coa violencia para a resolución dos conflitos no eido familiar”, así como reducir ou eliminar problemas de conduta no fogar (violencia filio-parental psicolóxica, emocional ou financeira) “para previr a violencia física ou psico-emocional grave no futuro”.

A concelleira de Benestar Social, a socialista Paloma Castro, explica que o programa fomentará entre os adolescentes “unha serie de recursos psicolóxicos, como habilidades sociais, condutas de autocontrol, empatía… Que lles permitirán afrontar as situacións cotiás de maneira máis adaptativa”. Ao mesmo tempo, as nais e pais adquirirán habilidades que lles axuden a restablecer a autoridade coas súas fillas e fillos e a manexar as condutas agresivas dos mesmos. 

O plan está dirixido a familias residentes no municipio con fillas e fillos de idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos que presentan problemática de violencia filio-parental: nenas e nenos usuarios da Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil de Pontevedra con dificultades de conduta e de relación cos seus proxenitores/titores; aqueles con expediente aberto na Oficina Técnica de Servizos Sociais do Concello polos mesmos motivos, e nais, pais e titores que teñan sufrido algunha situación de violencia verbal ou física.

As familias participantes no programa serán derivadas polos Servizos Sociais Comunitarios do Concello e/ou pola Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil de Pontevedra, previa valoración da viabilidade de participación. Terán prioridade as familias monomarentais e, sobre estas, as que teñan sufrido violencia de xénero. O límite máximo de asistencia será de oito familias e o mínimo de cinco.

Grupos de entre cinco e oito participantes

Segundo apunta Paloma Castro, o programa de intervención precoz en situacións de violencia filio-parental “desenvolverase mediante a posta en marcha de tres tipos de grupos: os formados por nais e pais, os dos mozos e mozas participantes e os constituídos por cada familia (pais, rapaces e irmáns/irmás)”. En cada un destes grupos haberá entre cinco e oito asistentes, a excepción do grupo conformado con cada familia no que participarán como mínimo o pai e/ou a nai e a persoa menor de idade con comportamentos violentos.

“Celebrarase unha sesión semanal dunha hora e media con cada grupo que se conforme. As intervencións adaptaranse aos horarios máis axeitados para as familias e os procesos deberán ser estables, dándoselles continuidade, sen interrupcións por vacacións ou outros motivos alleos ás familias”, suliña a edil do PSOE.

As profesionais baixo a coordinación técnica da Fundación Meniños proporcionarán asesoramento entre as sesións ás persoas ou familias que así o requiran, coa finalidade de asegurar a asimilación e comprensión dos contidos. As dúas terapeutas avaliarán a transferencia das novas capacidades ao ámbito da vida ordinaria e tamén se ocuparán da coordinación cos distintas unidades e departamentos municipais (Saúde Mental, Servizos Sociais…). 

O equipo de traballo contará cun espazo físico nas instalacións que Meniños posúe na Casa Azul (na rúa Sor Lucía), derivándose algunhas sesións puntuais ao novo edificio administrativo da Xunta (Benito Corbal). As persoas que queiran informarse ou inscribirse no programa poderán facelo a través do correo adolescentes.pontevedra@meninos.org e dos números de teléfono 986 85 01 56,  678 75 49 33 e 604 02 41 03.

O problema en cifras

Os datos do Programa de Atención Familiar coordinado por Meniños en Pontevedra reflicten que a maioría dos casos de agresión de fillos a pais foron protagonizados por rapaces (68%) e se produxeron en familias monomarentais (40,68%). Máis da metade das familias coas que se levou a cabo unha intervención teñen antecedentes de violencia de xénero (54%), unha cifra algo superior nas situacións de violencia física. Asemade, existe unha importante presenza de alteracións de orde psicolóxica ou psiquiátrica (44%), sendo algo máis frecuente en casos de violencia verbal.

A maioría dos rapaces e rapazas implicados en situacións de violencia filio-parental presentan consumo de substancias estupefacientes (57,63%). No 17% dos casos foi precisa intervención policial, na inmensa maioría das denuncias, por presenza de violencia física (90%). Nun 11,86% foi necesaria intervención xudicial (na totalidade das agresións físicas).

O 50% das nenas que protagonizan situacións de violencia contra as súas nais e pais teñen relacións de parella conflitivas (violentas), e delas, o 66% consumen substancias estupefacientes.