A función de teatro solidaria da obra ‘Una de 8’ fará visible o cancro de mama metastásico en Pontevedra

24
  • A Concellería de Benestar Social, que dirixe a socialista Paloma Castro, colabora coa ACMM na organización desta función, que terá lugar o vindeiro sábado ás 20.00 horas no Teatro Principal

Unha de cada 8 mulleres padece cancro de mama metastásico, é dicir, incurable. Esa cuestión de probabilidade é precisamente a que lle dá nome á obra de teatro escrita e dirixida por María Lebrato (de Dinamo de Creación) ‘Una de 8’, que este sábado estrearase no Teatro Principal de Pontevedra cunha función solidaria en favor da Asociación de Cancro de Mama Metastásico (ACMM). A Concellería de Benestar Social, que dirixe Paloma Castro, colabora con este colectivo na organización desta iniciativa, que ten o obxectivo de visibilizar a realidade destas mulleres e recadar fondos para proxectos de investigación e tratamentos neste eido (as entradas pódense adquirir en ataquilla.com por un prezo de dez euros).

O proxecto foi presentado hoxe no Concello de Pontevedra, coincidindo co Día Mundial co Cancro, pola propia Castro, en compañía da voceira da ACMM en Galicia, Araceli Oubiña, quen explicou que a obra está inspirada na testemuña de moitas mulleres que, como ela, padecen ou padeceron cancro de mama metastásico. “A obra desenvólvese nunha consulta de Oncoloxía, na que se encontran tres mulleres (Ana, Belinda e Cefe) pertencentes a diferentes ámbitos sociais. Nárranse as experiencias polas que tiveron que atravesar moitas mulleres con cancro de mama metastásico e tamén outros pacientes con cancro. Resulta moi terapéutica, porque hai moitas persoas que se ven reflectidas nas protagonistas”, apuntou Oubiña.

A obra xa se presentou cun enorme éxito de asistencia en diferentes cidades de España, como Sevilla (a compañía é dalí e houbo xa catro actuacións), Barcelona ou Xerez. A socialista Paloma Castro animou a tódol@s pontevedreses a achegarse o sábado ata o Principal para desfrutar dunha función que incluirá unha peza teatral “que exterioriza a voz das mulleres que padecen ou padeceron cancro de mama metastásico, así como dos seus familiares”, e unha charla na que se dará a coñecer a actividade da ACMM.

Fondos destinados á investigación

Segundo lembrou Araceli Oubiña, a asociación fundouse en febreiro de 2018, polo que cumpre dous anos de vida, coa finalidade “de dar visibilidade ao cancro de mama metastásico”, dende unha perspectiva que “nada ten que ver con esa imaxe da superwoman que se nos envía noutras campañas, xa que é incurable”. Os cartos recadados a través de iniciativas como a obra ‘Una de 8’ destínanse de feito a investigacións que teñen o obxectivo de cronificar a enfermidade e de desenvolver novos tipos de tratamento. 

“O colectivo púxose en marcha cunhas 400 mulleres en toda España e neste tempo desapareceron a metade delas. Esta mesma semana faleceron tres mulleres da asociación. Esa idea de superwoman ou de heroicidade non é unha perspectiva axeitada. O belicismo co que se trata o cancro pode ser prexudicial para a propia persoa, porque parece que se o cancro se expande ao fígado ou ao cerebro, fracasas como muller, perdes unha batalla”, sinalou Oubiña, sanitaria e logopeda.

A ACMM conta nestes intres cuns 500 asociados entre mulleres enfermas e familiares, así como con 7.000 seguidores en redes sociais. Unha das súas prioridades é lograr que se reforcen o respaldo social, as axudas económicas e o apoio psicolóxico que reciben as afectadas con cancro de mama metastásico, reclamando a presenza de figuras profesionais como a do psicooncólogo nos hospitais.