Iván Puentes viaxa a Madrid para participar como conferenciante no acto de presentación oficial do Circuito de Carreiras Ponle Freno 2020

54
  • O concelleiro de Medio Natural representará a Pontevedra cunha intervención na que resaltará o compromiso da nosa cidade coa seguridade vial, a actividade física e o desenvolvemento sostible

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, participará mañá como conferenciante no acto de presentación oficial do Circuito Ponle Freno 2020, que terá lugar nas oficinas centrais de AXA en Madrid (rúa de Emilio Vargas, 6) ás 11.30 horas. O edil do PSOE formará parte dun grupo de poñentes entre os que se inclúen concelleiros de Zaragoza, As Palmas, Madrid, Badalona e Málaga, representando a Pontevedra (cidade ‘partner’ deste proxecto impulsado pola Fundación AXA e por Atresmedia) cunha intervención na que resaltará a aposta do Concello por un modelo no que converxen deporte, espazos naturais e vida saudable, así como o compromiso da nosa cidade coa seguridade vial, o desenvolvemento sostible e o fomento da actividade física.

O evento estará conducido polo xornalista deportivo e coñecido presentador de Antena 3 Manu Sánchez e contará coa presenza do atleta Martín Fiz, campión do mundo de maratón; o director da Fundación AXA, Josep Alfonso; o director de Atresmedia Eventos, Pablo López-Barajas, e o director xeral da Fundación CEA (Comisariado Europeo do Automóbil), Fernando González Iturbe. Tras unha breve introdución de Manu Sánchez, tomarán a palabra Josep Alfonso, que falará sobre o papel da Fundación AXA como socio estratéxico de Ponle Freno e Centro de Estudios, e Pablo López-Barajas, que explicará a evolución do Circuito Ponle Freno e presentará o calendario 2020.

A continuación, Fernando González Iturbe será entrevistado por Manu Sánchez sobre a importancia de accións como Ponle Freno para o desenvolvemento do labor da Fundación CEA e o impacto da doazón de tódolos corredores no seu proxecto (coa testemuña real dun dos beneficiados).

Acompañarán a Iván Puentes como conferenciantes Cristina García, concelleira de Deportes de Zaragoza; Josué Íñiguez Ollero, concelleiro delegado de Seguridade e Emerxencias das Palmas de Gran Canaria; Alicia Martín Pérez, directora xeral de Deporte de Madrid; Rubén Guijarro, tenente de alcalde e concelleiro de Seguridade, Goberno e Territorio de Badalona, e José Luis Paradas, director xerente de Málaga Deportes e Eventos.

O concelleiro socialista terá a oportunidade de pronunciar unhas palabras “sobre o absoluto compromiso de Pontevedra en materia de seguridade vial, desenvolvendo un modelo de cidade centrado nas persoas, que logrou erradicar os accidentes mortais e que implementou medidas pioneiras para eliminar os coches do centro urbano e reducir a velocidade con zonas 30 e 10”.

O acto finalizará cunha entrevista de Manu Sánchez a Martín Fiz, que explicará como vive o seu papel de embaixador da causa de Ponle Freno e como afronta o 2020.