- Será imprescindible inscribirse nos teléfonos 659 685 729 e 616 610 913 ata o venres pola tarde
- Os autobuses sairán o domingo ás 10h do pavillón municipal de deportes e a manifestación partirá ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela
O Concello de Pontevedra proporcionará autobuses gratuítos para todas as persoas que desexen asistir á manifestación en defensa da sanidade pública convocada para o vindeiro domingo día 9, con saída ás 12h desde a Alameda de Santiago de Compostela. Os autobuses sairán ás 10h do pavillón municipal de deportes de Pontevedra e será necesario inscribirse previamente, ata o venres á tarde, a través dos teléfonos 659 685 729 ou 616 610 913. Este é un dos principais acordos da xuntanza que mantiveron esta mañá o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, os concelleiros Demetrio Gómez e Carme Fouces e representantes da Plataforma SOS Sanidade Pública.
Fernández Lores lembrou que o apoio á manifestación do vindeiro domingo xa fora acordado en Xunta de Goberno local e engadiu que é necesaria “a defensa intransixente da calidade da asistencia sanitaria pública porque é un logo fundamental da nosa sociedade que temos que manter de cara ao futuro e que garante dereitos a todo o mundo independentemente da súa capacidade adquisitiva”. Neste sentido, lembrou que “a sanidade e os servizos sociais son pezas fundamentais do Estado de benestar”. O alcalde indicou que nos últimos anos “se teñen tomado unha serie de decisións que teñen que ver co recorte de investimento na sanidade pública, a aposta máis pola sanidade privada e a redución de persoal “, factores que menciou como causa do deterioro do sistema sanitario público a nivel xeral. Defendeu que “á sanidade pública, custe o que custe, hai que inxectarlle cartos” e que para isto é preciso que a sociedade se manifeste e utilice “a linguaxe da protesta” para frear o deterioro. “Depende da mobilización social nunha grande parte que o sistema público funcione e que os responsables políticos lle dediquen o diñeiro suficiente” afirmou.
Pola súa banda, un dos membros da Plataforma SOS Sanidade Pública, Víctor Pedreira, asegurou que a mobilización do domingo é necesaria para frear un deterioro que fundamentou en tres eixos: a través dos recortes que teñen un importante impacto nos traballadores da sanidade, a través da privatización mediante concertos coa sanidade privada, e a través da politización da xestión para acadar plantillas de profesionais dóciles. Entre os servizos máis damnificados citou o de atención primaria e o de saúde mental, así como os hospitais comarcais en xeral.