A Concellería de Igualdade e Edicións Xerais de Galicia convocan o I Premio Literario Pinto e Maragota

49
  • A edil socialista Paloma Castro e o director da editorial, Fran Alonso, presentaron hoxe este certame, que ten como finalidade “visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero” 

A Concellería de Igualdade, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, acaba de facer públicas as bases da primeira edición do Premio Literario Pinto e Maragota, que estará dotado dun único galardón cunha dotación económica de 3.000 euros. O certame foi presentado hoxe no Concello de Pontevedra pola edil socialista Paloma Castro, responsable da área de Igualdade, e polo director da editorial, Fran Alonso, quenes aseguraron que esta convocatoria ten o obxectivo de “visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero”. 

Tal e como explicou Castro, no certame poderá concorrer “calquera autora ou autor, de calquera nacionalidade, maior de idade, que presente unha obra escrita en lingua galega conforme á normativa oficial, establecida pola Real Academia Galega”. “As obras presentadas deben ser orixinais e inéditas, tendo presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero: orientación sexual e/ou identidade de xénero. O xénero literario das obras presentadas poderá ser novela, teatro ou poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto”, apuntou a concelleira do PSOE.

No caso de optar por novela ou obra dramática, o texto deberá ter unha extensión total mínima de 90.000 caracteres con espazos. No caso da poesía, dun mínimo de 500 versos, de forma libre. Cada autor ou autora poderá presentar cantas obras como queira, en envíos separados. 

Segundo suliñou Fran Alonso, “a obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, que asinará coa autora ou autor un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual”.

As obras presentaranse en formato dixital (CD ou memoria USB) no seguinte enderezo: Centro de Información á Muller do Concello de Pontevedra (CIM), Praza de José Martí, 36002, Pontevedra. As persoas concorrentes deberán indicar no exterior do sobre ou paquete ‘Para o I Premio Literario Pinto e Maragota’. Co orixinal, que deberá ser presentado baixo lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a, achegarase, nun único sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor/a, así como o título da obra.

Fran Alonso precisou que “o prazo de presentación pecharase o xoves 23 de abril de 2020”, admitíndose aqueles envíos postais que foran expedidos ata a devandita data límite. “O xurado deliberante -indicou o director da editorial- estará formado por tres persoas competentes na materia, dúas designadas pola concelleira de Igualdade e Benestar do Concello de Pontevedra e unha delas a proposta de Edicións Xerais de Galicia. Con voz e sen voto, formarán tamén parte do xurado a concelleira e un funcionario ou funcionaria que ela designe e que actuará como secretario/a”.

O xurado reunirase para decidir antes do 28 de xuño

O xurado reunirase para discernir o premio (que non poderá ser dividido, pero si declarado deserto) antes do 28 de xuño de 2020 e as súas decisións serán inapelables. Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dunha obra e o ditame do xurado, dita obra obtivese outro premio, o autor ou autora débello comunicar inmediatamente ao Concello de Pontevedra, retirándoa do certame Pinto e Maragota (en calquera caso, enténdese que a obtención dun premio anterior implica a renuncia automática ao Pinto e Maragota).

Os orixinais non premiados non se devolverán e serán destruídos.