- Para realizar esta parte da obra é preciso pechar a rúa dende mañá até o venres en horario de 09.00 a 19.30, a partir desa hora permanecerá aberta ao tráfico até o día seguinte pola mañá.
- A rehabilitación de Echegarai supuxo un investimento de case 700.000 euros.
A reforma da rúa Echegarai entra na fase final de reforma para realizar o fresado e asfaltado da calzada, así como os últimos remates. Para executar esta parte será necesario o peche ao tráfico de toda a rúa dende mañá a venres, quedando aberta pola noite.
O peche comezará ás 09.00 horas do luns, 10 de febreiro, e rematará o venres, 14 de febreiro, arredor das 19.30 horas. Entre as 19.30 horas e ás 09.00 horas do día seguinte a rúa permanecerá aberta ao tráfico.
Os traballos consistirán no fresado e asfaltado da calzada e rematarán coa apertura das canles de pluviais unha vez asfaltada.
O proxecto
A rúa Echegarai estivo en obras nos últimos meses para mellorar os servizos soterrados, especialmente o saneamento e abastecemento, e mellorar os espazos peonís.
A reforma estivo financiada con cargo ás melloras ofertadas pola concesionaria do Ciclo da Auga, Viaqua, na sinatura do novo contrato. Tivo un custe de 696.064,21 euros e permitiu instalar servizos totalmente novos.
O saneamento cambiouse por ambas beirarúas. Instaláronse 425 metros lineais de tubaxe, 28 pozos e 37 acometidas.
No abastecemento de auga, substituíuse a rede na marxe dereita (de saída da cidade) xa que a esquerda é nova, e instaláronse 14 unidades de acometida.
Tamén se reformaron as redes de pluviais por ambos lados até completar 425 metros lineais, 23 pozos, 37 acometidas, e 26 sumidoiros.
Outra das actuacións foi a substitución de toda a canalización eléctrica cunha lonxitude de 425 metros.
A reforma en superficie segue os mesmos estándares de calidade que o resto da cidade. Gáñase espazo para os peóns ampliando as beirarrúas, cun carril de estacionamento de servizo a ambos lados. Haberá unha superficie de 1.804 m2 de urbanización de beirarrúas, e 1.634 m2 de aparcamentos e de vía.