Igualdade organiza unha charla sobre ‘Como evitar relacións tóxicas’ para o Día de San Valentín

58
  • A experta en Sexoloxía e Psicoloxía Xurídica Mónica Novas protagoniza este coloquio con entrada de balde, que terá lugar na Casa da Luz o día 14 de febreiro ás 19.30 horas

A psicóloga xurídica, sexóloga e criminóloga especializada en igualdade de xénero Mónica Novas Dios protagonizará o 14 de febreiro, Día de San Valentín, unha charla-café na que dará as claves de ‘Como evitar as relacións tóxicas’. O coloquio, organizado pola Concellería de Igualdade e Benestar, que dirixe a socialista Paloma Castro, celebrarase ás 19.30 horas na Casa da Luz e terá entrada de balde previa inscrición.

Entre as cuestións que se abordarán na charla inclúese as definicións de relación tóxica e relación sa, as claves para identificar unha relación tóxica (con exemplos destes tipo de vínculos perniciosos) e as causas que nos levan a entablalas e a mantelas. “A través desta actividade tamén se aportarán ferramentas para poñer fin a unha relación tóxica e os propios participantes plantexaranse a pregunta de se eles mesmos son ou se comportan como persoas tóxicas”, explica Paloma Castro.

Mónica Novas Dios conta con 15 anos de contrastada experiencia en Psicoloxía Clínica e formación contra a violencia de xénero, colaborando en diversas campañas e programas de sensibilización, información e concienciación impulsadas dende a Concellería de Igualdade. 

Todas aquelas persoas que queiran inscribirse poderán facelo de xeito totalmente gratuíto a través da dirección de correo electrónico ‘concelleriadeigualdade@pontevedra.eu‘ ou do teléfono/whatsapp 682 66 05 80.