Recepción a Marta Domínguez, subcampiona no Campionato de España Absoluto de Squash

40

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiron esta mañá a Marta Domínguez, do Club Squash Pontevedra, como recoñecemento á súa traxectoria e ao seu éxito máis recente, a consecución do segundo posto no Campionato de España Absoluto de Squash.

A pontevedresa acadou este triunfo a pasada fin de semana, tras gañar unha serie de partidos que lle permitiron situarse na final no Campionato estatal celebrado en Santa Cristiana D’Aro, Girona. Este éxito vén sumarse a outros anteriores da súa traxectoria, entre os que se conta terse proclamado campiona de España na categoría sub 19 fai preto de tres semanas.

Con esta recepción, o alcalde e o concelleiro de Deportes trasladáronlle a Marta Domínguez o orgullo que supón para Pontevedra contar cunha deportista que “representa á cidade ao máis alto nivel na súa categoría” e desexáronlle que siga mantendo os seus éxitos no futuro.