Iván Puentes levará mañá a Xunta de Goberno a prórroga do contrato coa Asociación Juan XXIII para o mantemento e acondicionamento de xardíns municipais

34
  • Medio Natural destina 25.000 euros a este servizo, polo que dez persoas con diversidade intelectual coidan dos espazos verdes da Cidade de Pedra, Amalia Álvarez e Praza da Liberdade 

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, levará mañá á Xunta de Goberno para a súa aprobación a proposta para prorrogar o contrato polo que a Asociación Juan XXIII desempeña o servizo de mantemento e acondicionamento de xardíns municipais en áreas específicas. O Concello de Pontevedra, a través do Servizo de Parques e Xardíns, destina unha achega económica de 25.000 euros anuais a esta colaboración, que permite a unha brigada de dez persoas con diversidade intelectual encargarse do coidado dos espazos verdes existentes na Cidade de Pedra, o parque de Amalia Álvarez e a Praza da Liberdade (se ben podería estenderse a algunha outra zona).

Iván Puentes explica que se trata da prórroga dun tipo de contrato reservado a centros especiais de emprego para executar labores de limpeza, desbroces e pequenos arranxos por parte dos xardineiros cos que conta Juan XXIII. “Nestes momentos teñen en plantel a unha trintena de traballadores especializados en xardinería -suliña o edil do PSOE- e, dado que tanto a asociación como o Concello queremos apostar polo emprego local, as dez persoas que van manter e acondicionar os xardíns municipais son todas de Pontevedra”.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible fai fincapé na “tremenda labor” que está a desempeñar Juan XXIII á hora de trazar itinerarios de inserción laboral para usuarios con diversidade intelectual, poñendo en marcha un proxecto de formación dual “pioneiro en Galicia” e buscando contornos empresariais para a súa aprendizaxe.