Medio Natural acomete unha ‘macroplantación’ de 140 árbores de gran tamaño na Illa das Esculturas, os terreos de Tafisa e o parque do edificio da Xunta

10
  • A intervención ten un custe duns 17.000 euros, estase a traducir na plantación de exemplares de entre 4 e 7 metros e forma parte das melloras ofertadas no contrato con Ferrovial

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, a través do Servizo de Medio Ambiente, está a acometer unha ‘macroplantación’ de 141 árbores de gran tamaño (entre 4 e 7 metros de altura) na Illa das Esculturas, os antigos terreos de Tafisa e o parque situado diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo. A intervención ten un custe estimado de 17.000 euros, forma parte das melloras ofertadas no contrato coa firma concesionaria Ferrovial e o departamento que dirixe o socialista Iván Puentes ten a previsión de que queden plantados a finais desta mesma semana. 

Os traballos deron comezo na Illa das Esculturas, onde xa se remataron de colocar carballos (na zona máis próxima ao río Lérez), tileiros (a xeito de bosquetes) e plátanos, maceiras ornamentais e ameixeiras en aliñación. Nos xardíns que están diante da Xunta plantaranse uns 50 exemplares formando unha masa perimetral e deixando zonas abertas de pradeira. “As especies que se colocarán neste parque serán castiñeiros de indias, carballos americanos, liquidámbares, freixos, carpes, loureiros e un ginkgo”, precisa Iván Puentes.

O edil de Desenvolvemento Sostible estivo o venres nos terreos de Tafisa coa xefa do Servizo de Medio Ambiente, María Formoso, para definir unha actuación que se traducirá na creación de bosquetes que mesturarán especies de diferentes formas, alturas, cores e texturas. Segundo sinala Puentes, “trátase de darlle unha maior riqueza e variedade ao espazo mediante a introdución de exemplares de castiñeiros de indias, cedros, piñeiros (pinus pinnea), arces, liquidámbares, liriodendros, carballos americanos, acacias de Constantinopla, freixos e ameixeiras”.