A nova ordenanza de Mobilidade será sometida a aprobación no vindeiro Pleno

55

A ‘Ordenanza reguladora da mobilidade amábel e da utilización dos espazos públicos no Concello de Pontevedra’ rematará o venres os trámites previos para ser sometida a aprobación no Pleno do vindeiro luns. Así o anunciou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, quen asegurou que o borrador será ditaminado na comisión extraordinaria de Mobilidade convocada para o día 21.

O concelleiro informou que unha vez a Ordenanza conte coa aprobación plenaria, permanecerá en exposición pública durante 30 días e daráselle trámite de audiencia a todas as entidades sociais máis representativas do ámbito. No caso de que durante este período non se recibisen alegacións, quedaría aprobada definitivamente; mentres que no caso de que as houbese, se resolverían nun seguinte pleno. En todo caso, Demetrio Gómez estima que a nova Ordenanza estará aprobada antes do verán.

Tamén informou que para o documento actual se tiveron en conta suxestións recibidas durante o período de exposición na páxina web do Concello, procedentes dun particular e do colectivo Pedaladas; así como achegas da Policía Local, dos Servizos Técnicos municipais, e suxestións referidas a elementos de deseño por parte da organización ONCE.