Pontevedra acolle esta fin de semana o inicio do Campionato Galego Infantil e Júnior de Tenis e a fase final do Torneo Circuíto Babolat Alevín e Cadete

37
  • Uns 389 tenistas inscribíronse nestes eventos, organizados pola Federación Galega de Tenis, o Club de Tenis Pontevedra e o Casino Mercantil en colaboración coa Concellería de Deportes

Os amantes do tenis teñen esta fin de semana unha cita insuperable en Pontevedra coa celebración de dous eventos de primeira categoría: o comezo do Campionato Galego de Tenis Infantil, que se xogará dende mañá xoves ata o día 8 de marzo, e a fase final do Torneo Circuíto Babolat Alevín e Cadete, que ven desenvolvéndose dende o pasado 14 de febreiro e que vivirá os partidos de semifinais e finais entre mañá e o domingo 23. Uns 389 tenistas inscribíronse en ambos eventos, que están organizados pola Federación Galega de Tenis, o Club de Tenis Pontevedra e o Casino Mercantil e Industrial en colaboración coa Concellería de Deportes.

As finais do Circuíto Babolat nas categorías Cadete Masculina 1ª e Feminina 1ª disputaranse o sábado 22 nas instalacións do Mercantil (Mourente), ás 10:30 e ás 12:00 horas respectivamente, estando prevista a entrega de trofeos para ás 13:30 horas. Pola tarde, terán lugar na sede do Club de Tenis Pontevedra (A Caeira) as finais das categorías Alevíns de Primeira División Feminina (16:00 horas) e Masculina (17:30 horas), co acto de entrega de trofeos programado para as 19:00 horas.

Este mesmo escenario acollerá o domingo 23 as finais das categorías Alevíns de Segunda e Terceira División: as masculinas de 3ªA, 3ªB e 3ªC darán comezo ás 11:00 horas e a Feminina e Masculina 2ª ás 12:15 horas, coa entrega de trofeos ás 13:30 horas. 

Os horarios e datas destes encontros foron coordinados e deseñados de xeito que facilitasen o desprazamento das xogadoras e xogadores que van disputar os torneos Rafa Nadal e Marca de Sevilla.

Coincidindo con esta fase final do Torneo Circuíto Babolat, esta fin de semana porase tamén en marcha o Campionato Galego Infantil e Júnior, en concreto nas categorías infantís individuais Masculina e Feminina (tanto mañá como o sábado). Esta intensa programación tenística foi presentada hoxe pola mañá nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial Gorka Gómez; o presidente do Casino Mercantil, Ernesto Filgueira; o presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera; o presidente do Club de Tenis Pontevedra, Enrique Domínguez; o director deportivo do Mercantil, Miguel Lapido; o voceiro do Comité Organizador dos eventos, Marco Casal, e o xuíz árbitro Carlos Coira.

A fase final do Campionato Galego, para o 7 e 8 de marzo 

Segundo explicou Tino Fernández, o Campionato Galego Infantil e Júnior “terá continuidade o sábado 29 de febreiro e o domingo 1 de marzo, tanto en categorías individuais como dobres Masculina, Feminina e Mixta, disputándose as fases finais, se non hai inconvenientes meteorolóxicos e o torneo se desenvolve con normalidade, entre o venres 6 e o domingo 8 de marzo”. “As vindeiras fins de semana -suliñou o edil do PSOE- van ser unha auténtica festa para os amantes do tenis, converténdose nunha gran oportunidade para ver o xogo dos xóvenes talentos que veñen pisando forte na nosa Comunidade”.

Ernesto Filgueira avanzou que haberá trofeos para os campións, campioas, subcampións e subcampioas de cada categoría, podéndose consultar os cadros, horarios e resultados nas páxinas ‘www.fgtenis.net‘ e ‘www.ibertenis.com‘.