Medio Natural retoma os traballos para dotar ao barrio do Burgo dun novo parque con dúas pistas de petanca

15
  • O Servizo de Parques e Xardíns está a acometer tarefas de retirada de entullos, demolición de muros e acondicionamento da parcela de 652 metros cadrados situada tralo Pavillón dos Deportes
  • O proxecto de recuperación paisaxística e mellora da accesibilidade impulsado por Iván Puentes contempla a instalación de diversos tipos de banco e a creación dunha senda na linde sur da finca

Despois de varias semanas nas que as malas condicións meteorolóxicas fixeron inviable a entrada de maquinaria pesada na parcela situada detrás do Pavillón Municipal dos Deportes, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de retomar os traballos que permitirán dotar ao barrio do Burgo dun novo parque con dúas pistas de petanca. O Servizo de Parques e Xardíns está a empregar unha retroescavadora para acondicionar os terreos, retirar entullos, pedras e maleza e demoler os muros de bloque que delimitan esta finca de 652 metros cadrados ubicada entre a avenida de Compostela e a rúa Fernández Cochón.

Unha vez que estes labores previos estean rematados, procederase a unha nivelación, afirmado e rasanteado da finca cunha motoniveladora e pavimentarase o solar con terrizo de xabre granítico de 10 centímetros de espesor (incorporándose unha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2). “Todas estas obras precisan do uso de maquinaria de certas dimensións e a climatoloxía fixo imposible que puidesen operar, xa que os terreos acabarían converténdose nunha enorme lameira. Unha vez que a finca xa conta coas condicións axeitadas, o proxecto volveu activarse”, sinala o concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes.

O edil socialista agarda que o proxecto avance a partir dagora a bo ritmo, co obxectivo de que os veciños do Burgo poidan contar con este novo punto de encontro e área de lecer “para primavera”. O plan, para o que o Concello de Pontevedra destinou unha achega de 43.365,58 euros, contempla a recuperación paisaxística e a mellora da accesibilidade neste contorno, así como a creación dunha zona de xogo de petanca dotada con dúas pistas.

A proposta técnica deseñada polo propio Servizo de Parques e Xardíns plantexa unha fermosa composición a nivel de xardinería, con dous tipos de plantacións: por unha banda, un estrato arbóreo que lle conferirá a principal estrutura e que se formulará en unións de senda e lugares singulares, e dúas aliñacións, unha linde do camiño e outra próxima á pista de petanca, que ademais de enmarcar e ordenar espazos terán a función de dar sombra ás pistas de petanca; e unha segunda zona constituída por un noiro ao noroeste da parcela onde a plantación se adaptará a unha topografía ascendente en dirección cara a capela do Santiaguiño. Nesta esquina construirase un banco de pedra rematado en madeira que enmarcará e delimitará o noiro, que será tapizado, conferindo un fondo de vexetación moi atractivo para o espazo máis encaixonado de toda a parcela.

Mellorarase a iluminación para poder xogar á petanca todo o día

O proxecto prevé a incorporación de parterres con formacións arbustivas e vivaces, con variedade de cores, e tamén aromáticas. No que atinxe a mobiliario, instalarase banco corrido en varias zonas e banco circular no fondo noroeste, todos eles con asento de madeira. Asemade, contémplase a mellora da iluminación, axeitándoa para que poida xogarse a petanca mesmo en condicións de pouca luz natural e polas noites.

A creación deste lugar de reunión demandado polos veciños do Burgo enmárcase dentro dun ambicioso plan de Iván Puentes para xerar corredores verdes que vencellen e conecten os parques da cidade co río Lérez, a ría de Pontevedra e as súas ribeiras. A actuación permitirá optimizar a comunicación co contorno e mellorar a accesibilidade da parcela mediante camiños adaptados, en particular no que se refire á conexión entre a capela do Santiaguiño do Burgo, a avenida de Compostela e o Pavillón Municipal. O proxecto propón a xeración dunha senda en paralelo á linde sur do solar.

As novas zonas verdes axardinadas desenvolveranse e conservaranse grazas a un sistema de rego automatizado, por goteo con mangueiras perforadas no caso do noiro, por redes de aspersión no parterre de céspede de máis ancho e mediante difusores nos outros dous parterres. Este sistema será centralizado a través de electroválvulas en arquetas para a automatización mediante programador.

En paralelo a estes traballos, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural continúa a efectuar trámites administrativos para poder estender o labor de recuperación paisaxística e ambiental a outros terreos anexos a esta parcela.