O Concello refai o proxecto de centralidade de Tomeza ao non poder intervir en San Cibrán e San Pedro

7
  • A Dirección xeral de Patrimonio da Xunta entende que nestes ámbitos hai que facer unha escavación arqueolóxica o que demoraría moito o proxecto, que está financiado con fondos FEDER.
  • O Concello non renuncia a actuar máis devagar nestes espazos e redirecciona o investimento europeo sobrante en consolidar a centralidade parroquial de Marcón.

O Concello de Pontevedra vén de refacer o proxecto de centralidade parroquial de Tomeza financiado cos fondos europeos FEDER e que tiña previsto actuar en catro ámbitos distintos da parroquia: a contorna do Local social de Lusquiños, a zona de lecer e deportiva de Casal do Río (o Alcouce), e as contornas de San Pedro de Tomeza e de San Cibrán. Presentado o proxecto ante a Dirección Xeral de Patrimonio, este organismo da Xunta acorda non outorgar autorización ás melloras de San Cibrán e de San Pedro ao entender que é preciso unha intervención arqueolóxica de maior envergadura que a prevista.

Ante esta situación e dado que a obra se financiaría con fondos europeos que precisan dunha xustificación temporal moi axustada, o Concello acorda sacar estas dúas actuacións do proxecto de financiamento europeo e destinar as contías sobrantes a executar o núcleo de centralidade de Marcón, arredor de 500.000 euros.

Ao tempo, o Concello non renuncia a actuar nestes dous ámbitos pero xa sería con fondos propios e atendendo aos tempos que requiren as esixencias da Xunta.

O proxecto de Tomeza

O proxecto de actuación de Tomeza que estaba imputado aos fondos FEDER tiña unha contía de 1.030.567,47 euros e actuaba nunha superficie global de 12.713 m2. 

No que respecta á igrexa de San Pedro de Tomeza, o proxecto incluía a sinalización de máis de 50 prazas de estacionamento, limpeza e rexeneración da zona verde, consolidación dos muros e das ruínas da edificación (Casa reitoral) existente, conservación da cuberta do alpendre e mellora do acceso peonil a este recinto.

Sobre o ámbito da capela de San Cibrán, a actuación consistía en limitar o acceso de vehículos á capela, a delimitación do espazo do adro onde se celebra a festa, demolición do palco existente, consolidación estrutural do miradoiro eliminando certos elementos que son un perigo para as persoas.

Os proxectos que si se manteñen dentro da financiamento dos fondos FEDER son o do parque e as instalacións deportivas de Casal do Río onde está previsto mellorar o peche perimetral, ordenar as pistas deportivas e instalar mobiliario deportivo: porterías, canastras…; mellorar a zona de recreo (instalación de espazos de merendeiro e acondicionamento da parcela arborada), diferenciar visualmente a estrada e sinalizar o estacionamento e parada do autobús.

Na contorna do Local social de Lusquiños tamén se mellorará o peche perimetral, paviméntase o acceso con usos diferenciados: ao Centro cultural, e unha segunda entrada de pedra do país no que poderán estacionar vehículos; aproveitarase un desnivel do terreo para crear un banco corrido, que estará conectado coa parte baixa da parcela cunhas escaleiras e unha rampla. Tamén se mellorará a parte baixa da parcela con xabre consolidado onde se instalará unha churrasquería, mellorarase o espazo infantil e toda a accesibilidade da parcela.

O proxecto de Marcón

A metade do investimento do proxecto de Tomeza destinarase a conformar e consolidar o núcleo de centralidade de Marcón creado entorno á Casa parroquial, onde se atopan os distintos campos da festa. 

Entre as actuacións previstas está a repavimentación da contorna do campo da festa, facer un tratamento de consolidación do firme no ámbito de propiedade municipal, canalizar as augas pluviais e crear unha senda que conecte a Casa parroquial coa igrexa a través do paso de peóns. Tamén inclúe mellorar a conexión cos lugares de Valadares e o Carrasco a través dunha vía moi estreita, polo que se lle dará só preferencia peonil con acceso aos vehículos agrícolas que atenden ás fincas; e mellorar a conexión cos lugares de Sabarís e Pintos.

Tamén se solicitará á Deputación e á Xunta a colaboración en vías e espazos da súa propiedade: no acceso ao Campiño, no primeiro caso; e na pavimentación do estacionamento da Casa da parroquia, no segundo.

Anabel Gulías, coordinadora dos Fondos FEDER da Estraxia DUSI Máis modelo Pontevedra.