Yoya Blanco e Tino Fernández emprazan a tódolos pontevedreses a “encher ‘a reventar’ o Pavillón” no histórico partido do Cisne contra o Villa de Aranda

89
  • O presidente do equipo pontevedrés, Santiago Picallo, lembra que o partido que terá lugar o sábado ás 20:00 horas no Pavillón dos Deportes “pode marcar un antes e un despois” na súa historia

“Esta fin de semana imos xogar un dos partidos máis importantes na historia destes 55 anos que imos facer no balonmán español e que pode marcar un antes e un despois”. Deste xeito definía hoxe na Casa da Luz o presidente do Club Cisne Balonmán, Santiago Picallo, o decisivo encontro que enfrontará ao equipo pontevedrés contra o Villa de Aranda o sábado ás 20:00 horas no Pavillón Municipal dos Deportes e que pode decidir o seu ascenso á máxima categoría da Liga Asobal.

Conscientes da importancia deste partido, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco (a súa Concellería é un dos principais patrocinadores do clube), e o tenente de alcalde e edil de Deportes, Tino Fernández, quixeron acompañar hoxe a Picallo nunha rolda de prensa na que tamén estivo presente o pivote Dani Ramos. O presidente do Cisne sinalou que a ventaxa sobre o seu rival permítelles ter algún tropezo, pero, unha vez que se garantiu non só a permanencia senón a fase de ascenso, o seu obxectivo pasa por ‘blindar’ a primeira praza e o ascenso directo.

De cara a animar aos pontevedreses a ateigar o Pavillón e apoialos neste ‘Partidazo!’ (como afirma o cartel promocional), o clube decidiu que tanto os socios como os membros dos equipos da cidade poidan levar a un convidado coa entrada a metade de prezo previa presentación do seu carné. Boa afeccionada do Cisne e habitual nas bancadas, a concelleira de Turismo emprazou á cidadanía a “encher ‘a reventar’ o Pavillón”.

Yoya Blanco sinalou que, aínda que a cita coincida co enterro do loro Ravachol, “unha cousa non é incompatible coa outra, e os seareiros poden perfectamente ir animar ao Cisne e despois seguir desfrutando do  fin do Entroido”. “Este sábado, agardemos que o Pavillón estea cheo para animar ao equipo neste partido histórico”, asegurou a socialista.

“Ver xogar ao Cisne é un pracer, unha auténtica delicia”

Nesta mesma liña expresouse o concelleiro de Deportes, quen salientou que o Cisne “está xogando de cine, cun equipo moi compensado, equilibrado e traballado” e é “unha gozada e todo un espectáculo ver a intensidade coa que xogan”. Na súa opinión, “gostemos ou non gostemos do balonmán, ver xogar ao Cisne é un pracer, unha auténtinca delicia, polo que é dende logo un partidazo”. 

“Ademais, é un partidazo porque gañando esta fin de semana -matiza Tino Fernández- moi mal se terían que poñer as cousas para que o Cisne non sexa equipo de Asobal, o que sería un feito excepcional para Pontevedra do que todos debemos ser conscientes”.

O socialista bromeou co feito de que o encontro coincida co cumpreanos do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, polo que a victoria “sería un magnífico agasallo”, e aplaudiu a idea de compartir este momento histórico con outros clubes da cidade. “Alí estaremos, dándoo todo”, afirmou Fernández.

Pola súa banda, Dani Ramos amosouse convencido de o partido será “diferente” ao que perderon en Aranda na primeira volta, xa que o Cisne “non tivo nunca o Pavillón tan cheo como agardamos que o teña o sábado”.