Competencias e financiamento centran a xuntanza entre Concello e Fegamp

22
  • Trátase dunha primeira xuntanza no marco da rolda de contactos do presidente da Fegamp cos alcaldes e alcaldesas das grandes cidades
  • Miguel Anxo Fernández Lores e Alberto Varela coinciden en que os dous grandes retos son a mellora na definición das competencias das distintas Administracións e un mellor financiamento local para os Concellos galegos

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu esta mañá ao presidente da Fegamp, Alberto Varela, no marco da rolda de contactos que o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias está mantendo cos alcaldes e alcaldesas das grandes cidades. Tras esta primeira toma de contacto ambos salientaron que o reto que debe asumir a Fegamp de cara aos vindeiros catro anos é o de mellorar a definición competencial das distintas Administracións e acadar un mellor financiamento local para os Concellos galegos.

No referente á definición das competencias, Fernández Lores indicou que é preciso “esixir” a cada Administración que “exerza a súas competencias”, para evitar que os Concellos teñan que asumir competencias que non lle son propias en detrimento de fondos que deben ser destinados a competencias que si lle corresponden.  Alcalde e presidente da Fegamp puxeron como exemplo que os Concellos teñan que asumir médicos en plantilla en áreas relacionadas con adiccións ou o custe de conserxes e limpeza de centros educativos, cando as competencias en Educación e Sanidade lle corresponden á Administración autonómica.

En canto ao financiamento, o alcalde puxo enriba da mesa “a necesidade dos municipios galegos de ter un financiamento diferente ao que teñen” e asegurou que “temos unha eiva importante comparativamente con outras Comunidades Autónomas respeito do que o Estado nos reintegra dos impostos que pagamos todos por habitante para exercer as nosas competencias”.

Ademais destes dous temas principais, Fernández Lores e Alberto Varela tamén mencionaron a distribución dos fondos da Xunta para financiar proxectos municipais. Neste punto, o presidente da Fegamp fixo fincapé en que o 70% destes fondos se distribúen con “criterios dubidosamente obxectivos” e avogou por un reparto similar ao que se realiza desde a Administración provincial “que lle permite decidir aos alcaldes cales son as prioridades dos seus Concellos”. A este respecto, Fernández Lores indicou que a distribución destes fondos por parte da Xunta estan suxeitos “a unha burocracia impresionante e ademais con certa discriminación, resolvendo os proxectos duns Concellos con moita máis rapidez ca outros, por exemplo”.