O Complexo Deportivo de Campolongo convértese en instalación oficial das probas organizadas por Global DXT: 4 Picos, Epic Race, 4 Picos Road e Costa Atlántica

608
  • O concelleiro de Deportes asistiu esta mañá ao acto de sinatura do contrato de patrocinio con BeOne, que inclúe descontos en tódalas probas para os socios e o deseño dun maillot especial
  • Faranse clases de spinning e programas de preparación física con ciclos específicos para que os participantes nestes eventos ciclistas os poidan afrontar nas mellores condicións

A firma Serviocio BeOne asinou esta mañá un acordo de colaboración con Global DXT polo que o Complexo Deportivo Municipal de Campolongo se converterá na única instalación deportiva oficial de tódalas probas organizadas por esta empresa pontevedresa especializada na xestión de servizos e actividades deportivas: Pontevedra 4 Picos (9 de maio de 2020), Epic Race Pontevedra (29, 30 e 31 de maio), Pontevedra 4 Picos Road (21 de xuño) e Costa Atlántica MTB Tour (24, 25, 26 e 27 de setembro). O contrato de patrocinio, que se estende ata o 31 de decembro deste ano, con afán de continuidade cara anos sucesivos, traducirase, entre outras vantaxes, en bonos de desconto dun 10% para os socios que se inscriban nestas probas e no deseño de clases de spinning e programas de preparación física con ciclos específicos para que os participantes nas mesmas as poidan afrontar en óptimas condicións.

En base a este acordo, a empresa Global DXT deseñará un maillot especial BeOne Bike, coas cores da adxudicataria do Complexo Municipal, que os usuarios poderán reservar e adquirir na recepción das instalacións de Campolongo a un prezo de 30 euros (a organizadora da 4 Picos percibirá un 20% do beneficio de cada unha). Asemade, Global DXT realizará un mailing masivo con información e ofertas especiais de BeOne, vencellados coas probas e o adestramento no centro deportivo; cederalle unha zona de exposición en tódolos eventos, e introducirá nas bolsas dos corredores a publicidade establecida por BeOne.

En contrapartida, Serviocio permitirá facer un sorteo promocional de maillots entre os usuarios, establecerá clases vencelladas cos eventos deportivos e realizará un mailing masivo entre tódolos usuarios con información das probas. BeOne poderá colocar o branding (bandeirolas, lonas, arcos…) nun lugar preferencial nas zonas de saída dos eventos e o seu logotipo aparecerá na páxina web, o photocall, o arco de saída e a cartelería dos mesmos.

Por outra banda, efectuaranse cando menos dous post mensuais nas páxinas e redes sociais de cada un dos eventos, nomeando ao Complexo Deportivo Municipal como instalación oficial e difundindo información sobre BeOne. Os usuarios do centro de Campolongo poderán reservar os maillots na recepción mes a mes (por exemplo, os que o fagan a finais de xaneiro, teranos a finais de febreiro).

Probas que son ‘marca Pontevedra’

Tino Fernández subliñou a importancia de que se xeren “sinerxías de colaboración” entre estas dúas empresas como estas, “tendo en conta que as probas das 4 Picos e as complementarias forman parte do máis importante paquete de eventos deportivos que se desenvolven na nosa cidade, sobre todo porque son ‘marca Pontevedra’: naceron en Pontevedra, crecen en Pontevedra e fan de Pontevedra un referente dentro e fóra de España”. Neste sentido, o socialista sinalou que, a estas alturas, a 4 Picos que se celebrará en maio xa ten case 1.300 inscritos (existe mesmo un mapa de lugares de procedencia que se pode consultar neste link: https://pontevedra4picos.com/inscritos).

O director técnico de Global DXT, José Cimadevila, asegurou que esta sinatura “ven redondear o acordo” que manteñen co Concello “e coa instalación máis importante de Pontevedra”, mediante un contrato que facilita que tódolos participantes nas distintas probas “as afronten en condicións saudables”. “O Complexo Deportivo de Campolongo conta con moitos profesionais e é unha instalación renovada e espectacular que está perfectamente preparada para o adestramento das distintas modalidades. Faranse actividades especiais para que os ciclistas poidan enfrontarse aos retos do mellor xeito posible”, afirmou Cimadevila.

Tal e como aclarou o director do Complexo Municipal, José Bamio, entre as actividades específicas que se desenvolverán neste eido inclúense “clases de spinning orientadas ao adestramento das diversas probas, cuns ciclos especiais e, ao mesmo tempo, unha preparación específica na sala de fitness para axudar a fortalecer, muscular e incrementar a potencia aeróbica e a forza”.