Pontevedra, de novo protagonista da Rede de Cidades que Camiñan

22

O alcalde de Pontevedra e presidente da Rede de Cidades que Camiñan, Miguel Anxo Fernández Lores foi un dos principais protagonistas da sesión de hoxe no congreso anual deste organismo supramunicipal no que se estableceron bastantes sinerxias entre institucións e non se abandonou en ningún momento o activismo pro-peonil exercido desde as cidades.

O director xeral de seguridade, Daniel Macenlle e o deputado de mobilidade da Deputación, Uxío Benítez, marcaron tamén o ton pontevedrés da xornada, xa que constantemente se poñían exemplos das solucións pontevedresas aos asuntos máis transcendentes da importancia de camiñar. 

A xornada comezou coa inauguración na que participou Lores acompañado por José María González Kichi, alcalde de Cádiz e o reitor da Universidade gaditana, Francisco Piniella. Lores fixo a súa primeira intervención do día avogando por que a Rede teña cada vez máis influencia para incidir nas políticas ministeriais capaces de fixar normativas marco, “pero non só a nivel da DXT, senón tamén dos ministerios restantes como o de Fomento, o de Transición Ecolóxica ou o de Sanidade, porque a calidade de vida nas cidades abrangue moitísimos aspectos”. 

“Estamos aquí porque as cidades aínda son almacéns de coches, espazos agresivos, perigosos, que expulsan ás persoas”, dixo Lores na inauguración exhortando á valentía das autoridades municipais presentes entre as que se atopaban representantes dos Concellos premiados este ano pola Rede: Valencia, La Rinconada e Bilbao. 

“Temos que repensar o concepto mesmo de cidade, dixo o deputado de mobilidade, Uxío Benítez, cidade é todo espazo habitado polo ser humano”, que relatou as numerosas medidas que implementa o organismo provincial para promover os desprazamentos seguros a pé en toda a provincia. “Os accidentes non son unha pandemia; son provocados polo ser humano, por tanto poden ser evitables”, dixo Benítez ante o auditorio. Tamén de seguridade falou Daniel Macenlle en dúas ocasións nas que desgranou as principais características do modelo pontevedrés, destacando os lombos como interesantes activos a prol da seguridade “se queres ir a máis de 30 irás, pero vas deixar os dentes do coche no lombo”. 

Xa noutro momento do congreso, o alcalde mostrouse fachendoso do concepto “tráfico de necesidade”, unha achega pontevedresa ao debate das cidades do futuro para minorar o número de coches que asolagan moitas cidades, con “autoridades que poden facer moito máis do que fan, pero quizais se cortan por medo a que non os voten, pero a xente é intelixente e sabe que esas medidas fan que a súa cidade sexa cada vez mellor”, desmentindo que as medidas sobre tráfico saudable teñan un castigo electoral.