A concelleira Paloma Castro pon en marcha un centro pioneiro de Información sobre Diversidade e Sexualidade que dirixirá a activista trans Ada Otero

49
  • O novo CIDES botou a andar o pasado mes na Praza de José Martí coa finalidade de solventar dúbidas, ofrecer orientación, celebrar talleres formativos e formar grupos de apoio a persoas LGTBIQ+

Pontevedra ven de converterse na primeira cidade de Galicia en dispoñer dun Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES), no que se solventarán dúbidas sobre sexualidade ou en relación ao colectivo LGTBIQ+, resolveranse inquedanzas, celebraranse talleres formativos, ofrecerase orientación e formaranse grupos de apoio. O novo CIDES foi presentado hoxe pola súa impulsora, a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, acompañada pola activista trans licencidada en Dereito e especialista en violencia de xénero Ada Otero, que será a encargada de coordinalo.

A iniciativa xa estaba contemplada dentro do Plan Municipal de Igualdade recentemente aprobado, pero a súa necesidade viuse aínda máis reafirmada trala enquisa que o departamento que dirixe a socialista desenvolveu nos institutos e CIFP da cidade e que concluíu que máis do 25% do alumnado nunca recibira información sobre diversidade sexual e que, de entre os que si a recibiran, o 35% considerábana moi insuficiente. Segundo explicou Paloma Castro, o CIDES pretende converterse en centro de información de referencia sobre sexualidade e diversidade sexual, onde a cidadanía poida atopar respostas e información e mesmo asesoría no que se refire a ataques LGTBIfóbicos”. 

“Queremos que sexa un centro seguro e de apoio, de prevención e protección ante situacións de acoso por razón de orientación sexual e identidade de xénero; e tamén un centro que colabore con outras entidades ou colectivos de Pontevedra que traballan en defensa dos dereitos e liberdades do colectivo LGTBIQ+”, apuntou a edil do PSOE.

Ada Otero asegurou que o CIDES ven cubrir unha eiva que existía ata o de agora, “ao non existir realmente, sobre todo en Pontevedra, ningún tipo de centro ou asociación ao que se poida recorrer para pedir información sobre diversidade e saúde sexual”. Tal e como sinala, trátase dun “proxecto pioneiro e moi necesario”, posto que non hai practicamente formación nin persoas especializadas nestes eidos e as mozas e mozos non atopan a comprensión que precisan.

O CIDES contará cunha oficina na Praza de José Martí (3º andar, s/n), no mesmo edificio no que se atopa o Centro de Información á Muller (CIM), o que, en opinión de Otero supón unha vantaxe non para crear grupos de apoio: “De feito, temos peticións concretas de familiares de menores trans que queren formar un grupo de apoio, non só para atopar xente coa que compartir experiencias, senón persoas con formación que estean dentro do colectivo e que os poidan orientar en temas tan específicos como a sexualidade das persoas trans”. 

Horario e medios de atención ao público

O novo Centro de Información está aberto ao público dende o pasado mes de febreiro nas tardes dos mércores, xoves e venres en horario de 16:30 a 20:30 horas, atendendo tamén chamadas no teléfono 676 09 73 39 e correos electrónicos na dirección ‘cidespontevedra@gmail.com‘. Será posible concertar citas para dispor dun amplo espazo de tempo no que falar relaxadamente, visitar a oficina durante o horario de apertura ou realizar consultas sinxelas por teléfono, email ou redes (a páxina de Facebook é CIDESpontevedra e a de Instagram @cidespontevedra).

Dende o CIDES tamén se ofertarán talleres formativos en determinadas materias e manterase un contacto permanente con diversos colectivos tanto para recibir ‘feedback’ sobre posibles agresións como para organizar eventos en datas sinaladas e campañas de sensibilización en colexios e institutos. Ada Otero constata que “o máis parecido que tiñamos ao CIDES en Galicia é o Observatorio da Coruña, pero simplemente se adica a facer unha diagnose da LGTBIfobia e de casos de agresións e non aporta ningún tipo de asesoramento”. “Hai propostas semellantes noutras partes de España, como é o caso do servizo Orienta en Valencia, que conta incluso con especialización psicolóxica, pero aquí, na nosa Comunidade, é un proxecto pioneiro, que aspiramos a que se faga pouco a pouco máis ambicioso”, indica a súa directora.